- Título: Escucha, hermosa Márcia.
- Autor: Marcello Quintanilha.
- Editorial: Astiberri.
- Lugar: Bilbao.
- Ano de edición: 2022.
- Número de páxinas: 128.
- Prezo: 20€.
Sei suspirar, sei morrer

Escucha, hermosa Márcia é o título do último traballo de Marcello Quintanilha (Tungsteno, Talco de Vidrio), unha obra excelente que foi premiada co Fauve d’or en Angulema o pasado ano –o premio máis importante na BD europea–. Esta é outra desas historias que tan ben constrúe o brasileiro e que nos seducen cunha sinxeleza aparente que a medida que avanza vaise retorcendo sobre si propia até tecer un relato complexo e moi verídico da realidade.
Desta volta trae ás viñetas un anaco da vida de Márcia, unha enfermeira que reside nunha favela de Río de Janeiro co seu mozo Aluísio e a súa filla, Jaqueline. A moza, rebelde e bocalana, anda cos membros dunha das bandas do barrio o que provoca continuos enfrontamentos entre nai e filla. A situación faise grave cando a policía detén a Jaqueline como cómplice dun roubo. Márcia e Aluísio descobren que a rapaza está involucrada con mafiosos de alto nivel e cun grupo de policías corruptos.
Quintanilha é un autor que adoita reinventarse graficamente en cada obra, ten unha asombrosa facilidade para cambiar o seu estilo sen perder a súa esencia. Nesta obra sorprende cun uso case psicodélico da cor, con ceos irreais e peles de cores imposíbeis. Así é quen de transportarnos a unn mundo irreal, visualmente e contundentemente veraz na diésexe. A introducción da cor tamén é fulcral para capturar a cotidaniedade da vida dun país de tan amplos contrastes e desigualdades como é o Brasil.
Aínda que leva anos fóra do seu país natal,Quintanilha é un hábil relator das realidades das clases desfavorecidas no país carioca e neste guión, excelente e que atrapa dende a primeira páxina, o brasileiro é quen de levarnos da man por unha realidade dura, crúa, triste e secasí enérxica, rápida e de alta intensidade. As relacións entre os personaxes vanse revelando progresivamente máis complexas e tecendo unha historia a medio camiño entre o suspense e a intriga policial. Xente normal que acaba metida en problemas, atrapada entre un lumpen perigoso que ocupa o lugar do estado na favela e un estado represor e incapaz de loitar contra a súa propia corrupción.
Unha historia intensa e interesante, que dunha muller forte e decidida a salvar á súa familia como sexa, loitando contra peso brutal dunha desigualdade social que esmaga calquera posibilidade de benestar e seguridade e que converte os problemas na gasolina do caos e a violencia na que medra a cicuta fascista dos bolsonaristas.