Arquivo da categoría: BD Norteamericana

Web-Weaver novo personaxe do Spider-verse

Será Web-weaver o primeiro spiderman gay?

As majors norteamericanas son especialistas en reaccionar rapidamente aos cambios sociais para tirar proveito, hai anos que veñen facendo cambios para adaptarse aos novos tempos e chegar a outros públicos como as distintas comunidades étnicas o publico feminino ou colectivos como o LGBTI. Fixérono coa creación dun Thor feminino, introducindo novos personaxes como America Chávez ou co Superman bisexual da serie Fillo de Kal-El (Tom Taylor e John Timms).


Desta volta o autor e deseñador de personaxes Kris Anka publicou no seu twitter o deseño para un novo personaxe do multiverso do home araña que se chamará Web-Weaver e aparecerá no número 5 da serie Edge of the Spider-Verse. O deseñador anuncia no seu chío que Web-Weaver é un deseñador de moda de mal carácter que obtén poderes arácnidos. O deseño do personaxe está inspirado no traballo dos modistos Alexander McQueen e Terry Mugler.

Seguir lendo
Advertisement

Maus vetado nunha escola de Tennessee

A Xunta Escolar del condado de McMinn en Tennessee decidiu retirar do plan de estudios dun centro escolar a novela gráfica de Art Spiegelman. A decisión, tomada por unanimidade, escúdase en que a obra contén “oito palabrotas” e unha imaxe dunha muller núa.

Spiegelman gañóu con Maus un premio Pulitzer especial en 1992. A obra conta en forma de novela gráfica as experiencias do pai do autor, Vladek, preso en Auschwitz e como este feito remata por afectarlle toda a súa vida. Maus usa personaxes antropomorfos. Os ratos son os xudeos e os gatos son os nazis. Maus está traducido ao galego e editado por Rinoceronte Editora.

Superman revélase como bisexual

O personaxe creado polo guionista Jerry Siegel e o debuxante Joe Shuster que apareceu por primera vez na banda deseñada en xuño de 1938 en Action Comics #1 ven de iniciar una nova etapa vital. Logo de oitenta e tres anos a editorial propietaria dos dereitos, DC Comics, continuando coa tendencia que xa vimos tamén en Marvel con varios dos seus superherois coma Thor ou Lobeto, decidiu actualizar o personaxe para adecualo a un novo mundo –e de paso ampliar o público obxectivo–. No quinto número da serie Fillo de Kal-El (Tom Taylor e John Timms) que se publica este vindeiro 9 do mes de santos, Jonathan (Jon) Kent  namorará co seu amigo o reporteiro Jay Nakamura. Mais non rematan aí as novidades xa que tamén se se preocupará polo medio ambiente e participará en política. As compañías norteamericanas de banda deseñada están inmersas nunha nova estratexia comercial para facer máis inclusivos e contemporáneos os seus personaxes e deste xeito abrir o abano de públicos aos que interesar nos seus produtos e polo que parece está funcionando.

Jonathan Kent é o actual Superman e é o fillo de Clark Kent e Lois Lane mais non é o primero personaxe da coñecida editora que descubre una nova identidade de xénero e de sexualidade, por esa etapa xa pasaron un dos Robin, Batwoman e Harley Quinn. Ademais nos cómics de Batman tamén se introduciu a personaxe da científica trans Victoria October en 2017.

Fonte

Esta mierda me supera | Charles Forsman.

Querido diario: Que che dean polo cu

Esta segunda obra de Charles Forsman, I Am Not Okay With This, curiosamente traducida aquí como Esta mierda me supera segue a liña sarcástica e de trasnada concienciada cos problemas da adolescencia que lle dou fama internacional e éxito comercial coa precedente The end of the fucking world. E igualmente que a primeira foi adaptada por esa plataforma audiovisual que é o novo kraken globalizador.

Desta volta a protagonista é unha adolescente, Sidney, que como todos e todas nesas idades ten un cento de problemas e inseguridades, mais tamén unha vida familiar complicada que impulsa o seu carácter tendente ao pensamento escuro. Por se fora pouco ten un estraño poder que lle dá moitas dores de cabeza, literal e figuradamente.

De sermos freudianos poderiamos pensar que o Forsman quere mandar algunha mensaxe. Pode ser que el mesmo tivera unha adolescencia complexa porque hai unha serie de puntos comúns que atravesan as súas dúas obras máis populares. A busca dun lugar na sociedade, a incomprensión –ou mesmo o abuso– as personaxes de adolescencia traumática, as drogas, a violencia, o descubrimento sexual. Evidentemente, o norteamericano ten unha fórmula propia e recoñecíbel que unida a un xeito de facer que navega estilisticamente entre o naíf e o elemental e narrativamente entre Chester Brown e Ian Curtis fai unha amalgama moi potente de alta intensidade emocional. Radicalidade punk e postureo instagrameiro. Seguir lendo

The end of the fucking world | Charles Foresman

Isto non é a maldita Os Goonies

Esta obra será coñecida, para moita xente, máis pola serie producida pola cadea británica Channel 4 e logo distribuída a nivel global por unha plataforma de vídeo por demanda, que polo libro de Charles Forsman. Un erro craso!

Dous adolescentes –que por sorte saen do atragoante, sobreexposto e repugnante estereotipo da pastelosa Os Goonies– Alyssa e James, en plena busca do seu sitio, do que son e do que queren ser. Sen falsos problemas e sen esa dobre moral tan norteamericana de «as guerras están mal, salvo as nosas que son pola vosa liberdade». Non. Nesta parella ningún é un santo. James descubre moi novo que matar bichos prodúcelle pracer, ou polo menos algo que facer. Alyssa é unha rapaza en pleno espertar sexual é tamén o catalizador necesario para que o reactivo James estoupe e remate de saír da casca. Xuntos comezan unha viaxe vital de descubrimento mutuo e do mundo exterior que se transforma nun road comic no que todo se complica, e que, eles aínda complican máis. Seguir lendo

Camino a la perdición | Max Allan Collins e Richard Piers Rayner

A lei do chumbo

Camino a la perdición é unha obra de Max Allan Collins (guión) e Richard Piers Rayner capo da mafia Michael O´Sullivan, un veterano da primeira gran guerra que exerce de “anxo da morte” de Looney, un asociado co co Al Capone.

A través do relato do fillo de O´Sullivan coñecemos os acontecementos que o levan a iniciar un camiño de vinganza acompañado do propio cativo. A historia complícase e convertese paseniño nun camiño sen retorno cara a un destino que semella estar escrito dende o primeiro intre. Por esta historia de xénero pasan os tópicos de tan violenta época, os atracos, o whisky, a cidade de Chicago, Capone, Eliot Ness, e moita, moita violencia.

O guionista recoñece no prólogo a influencia do coñecido manga . El lobo solitario y su cachorro, que sumada á súa propia experiencia como creador de historias de gánsteres dá nun relato cun gran músculo narrativo. O branco e negro do debuxo enfatiza e redunda na escuridade do relato, para rematar por nos meter de cheo nas tebras da violencia. E funciona, pois axiña nos sentimos identificados cos protagonistas e mesmo somos quen de acompañalos cunha “Thompson” nas mans, loitando por sobrevivir e vingarnos. Seguir lendo

Gañadores do Premios Eisner 2018

Mellor historia curta

  • ”A Life in Comics: The Graphic Adventures of Karen Green,” de Nick Sousanis, en Columbia Magazine (Summer 2017).

Mellor número único “One shot”

  • Hellboy: Krampusnacht, de Mike Mignola e Adam Hughes (Dark Horse).

Mellor serie regular

  • Monstress, de Marjorie Liu e Sana Takeda (Image).

Mellor serie limitada

  • Black Panther: World of Wakanda, de Roxane Gay, Ta-Nehisi Coates e Alitha E. Martinez (Marvel).

Seguir lendo

Nomeados aos Premios Eisner 2018

Mellor historia curta

  • “Ethel Byrne,” de Cecil Castelluci e Scott Chantler, en Mine: A Celebration of Liberty and Freedom for All Benefiting Planned Parenthood (ComicMix).
  • “Forgotten Princess,” de Phillip Kennedy Johnson e Antonio Sandoval, en Adventure Time Comics #13 (kaboom!).
  • ”A Life in Comics: The Graphic Adventures of Karen Green,” de Nick Sousanis, en Columbia Magazine (Summer 2017).
  • “Small Mistakes Make Big Problems,” de Sophia Foster-Dimino, en Comics for Choice (Hazel Newlevant).
  • “Trans Plant,” de Megan Rose Gedris, en Enough Space for Everyone Else (Bedside Press).

Mellor número único “One shot”

  • Barbara, de Nicole Miles (ShortBox).
  • Hellboy: Krampusnacht, de Mike Mignola e Adam Hughes (Dark Horse).
  • Pope Hats #5, de Ethan Rilly (AdHouse Books).
  • The Spotted Stone, de Rick Veitch (Sun Comics).
  • What Is Left, de Rosemary Valero-O’Connell (ShortBox).

Seguir lendo

“Desde la sombra” exposición de ACO en Vigo

aco_metropoles-delirantesAté o vindeiro 23 de abril pódese visitar na galería de arte Lab-in unha escolma do traballo do debuxante vigués. Nesta exposición poderemos ver a evolución da súa técnica, e a capacidade de adaptación do autor para sacar o mellor de cada personaxe. ACO traballou para Marvel e DC Comics debuxando personaxes míticos destas editoriais coma Spiderman, Batman ou Wonder Woman.

Desde la sombra» pódese visitar até o 23 de abril de segunda a sexta de 11 a 14.30 e de 15.30 a 20 horas.

Basura | Derf Backderf

A maxia do lixo

Hai autores cun arte especial para contar as cousas máis cotiás de xeito brillante. Este é o caso de Derf Backderf, que xa sorprendeu co seu anterior libro, Mi amigo Dahmer, obra na que narraba a xuventude de Jeffrey Dahmer, o carniceiro de Milwaukee, un asasino en serie do que foi compañeiro de instituto.

En Basura conta de xeito autobiográfico a súa experiencia traballando na recollida do lixo nos seus anos mozos. Puntualiza no limiar que o que conta son historias vividas por el ou por xente que coñece.

Este é un libro divertido no que Backderf vai debullando a evolución que sofre como traballador da recollida do lixo, dende as primeiras náuseas até a total inmunidade adquirida a vermes, podremia e refugallos en xeral. Conta o seu comezo como novato, como vai aprendendo a costa de acabar cheo de merda ata as orellas (literalmente). A narración vainos levando polo mundo dos residuos dunha pequena cidade norteamericana e así imos descubrindo a organización do servizo, aos compañeiros de Backderf, a cada un máis inquedante, e sobre todo, vemos retratados de primeira man como son os comportamentos dos habitantes da vila, moitas veces pouco colaboradores e pouco comprensivos cos traballadores que recollen o lixo, que como advirte o autor son case invisíbeis, pois o lixo é algo que desaparece “como por arte de maxia”, aínda que evidentemente, non sexa así. Seguir lendo