O navegante | Tristán Ron

  • Título: O navegante.
  • Autor: Tristán Ron.
  • Editorial: Chévere.
  • Lugar: Santiago de Compostela.
  • Ano de edición: 2022.
  • Número de páxinas: 96.
  • Prezo: 18€.

Unha viaxe a bordo da sala NASA

O albúm de debut de Tristán Ron é unha pequena alfaia que repasa a historia da Sala NASA, aquel espazo artístico impulsado polo grupo de teatro Chévere que funcionou durante os anos noventa e primeiros dous miles como sala de teatro e espazo escénico multidisciplinar até que a persecución política do partido popular culminou no seu peche arbitrario por parte do goberno de aquel nefasto alcalde ultra, fanfurriñeiro, e afortunadamente efémero, chamado Conde Roa que padeceu Compostela. Tristán medrou na sala, que converteu no seu particular espazo de xogo nos primeiros anos. Agora, xa mozo e graduado en Belas Artes, fai nesta primeira BD, un percorrido pola historia da sala.

A BD está dividida en capítulos e ten un desenvolvemento que alterna o real co onírico. O autor constrúe unha narración biográfica trepidante na que desprega unha grande habilidade no guión e no apartado gráfico, que cristaliza nalgunha viñeta especialmente fermosa como, por exemplo, a magnífica splash page coa que remata o primeiro capítulo.

No apartado gráfico, as influencias do Tristán van dende Satrapi até Paco Roca e de Hergé a Cyril Pedrosa, cunha evidente querenza pola BD francobelga. Destaca a capacidade de Tristán para desenvolver un trazo solto que é quen de facer máis ou menos concreto en función das necesidades de cada viñeta. No formal é unha obra audaz, que amosa unha interesante capacidade para o encadre e un talento innato para a composición das páxinas, mais, por riba de calquera cousa é impresionante a mestría no uso das masas de negro, algo que non é doado e que Ron é quen de manexar cunha destreza sorprendente nunha primeira obra. Tamén con moita habilidade, e bo gusto, introduce unha pinga de cor nalgunhas páxinas co amarelo vivo da caixa de lembranzas que fai un contraste marcado coas masas de negro e que é unha perfecta metáfora da importancia do emocional, das lembranzas coas que construímos o relato das nosas propias vidas.

Unha obra excelente que reivindica o traballo dun grupo de xente que apostou pola cultura e que debe servir para lembrar o difícil que é sacar adiante propostas culturais e o doado que é rematar con elas dende os poderes públicos e a prensa domesticada a base de mentiras, cando estes espazos de creación se fan incómodos e libres de máis.

Advertisement