Arquivo por etiquetas: Marcello Quintanilha

Escucha, hermosa Marcia | Marcello Quintanilha

  • Título: Escucha, hermosa Márcia.
  • Autor: Marcello Quintanilha.
  • Editorial: Astiberri.
  • Lugar: Bilbao.
  • Ano de edición: 2022.
  • Número de páxinas: 128.
  • Prezo: 20€.

Sei suspirar, sei morrer

Escucha, hermosa Márcia é o título do último traballo de Marcello Quintanilha (Tungsteno, Talco de Vidrio), unha obra excelente que foi premiada co Fauve d’or en Angulema o pasado ano –o premio máis importante na BD europea–. Esta é outra desas historias que tan ben constrúe o brasileiro e que nos seducen cunha sinxeleza aparente que a medida que avanza vaise retorcendo sobre si propia até tecer un relato complexo e moi verídico da realidade.

Desta volta trae ás viñetas un anaco da vida de Márcia, unha enfermeira que reside nunha favela de Río de Janeiro co seu mozo Aluísio e a súa filla, Jaqueline. A moza, rebelde e bocalana, anda cos membros dunha das bandas do barrio o que provoca continuos enfrontamentos entre nai e filla. A situación faise grave cando a policía detén a Jaqueline como cómplice dun roubo. Márcia e Aluísio descobren que a rapaza está involucrada con mafiosos de alto nivel e cun grupo de policías corruptos.

Seguir lendo
Advertisement

Metrópoles Delirantes 51 – Marcello Quintanilha

tungsteno-portada-Metrópoles Delirantes

Volven as revistas, chega Voltio a revista que coordinan Ana Oncina e Álex Giménez, e chega co respaldo de La cúpula. Falaremos con Ana e Álex desta nova proposta. O Sr B trae ó seu curruncho de imprescindíbeis o Vampir de Joann Sfar que na España editou primorosamente Fulgencio Pimentel. Marcello Quintanilha o autor do magnífico Tungsteno, premiado no último festival de Angouleme embarca connosco na dorna da bd para contarnos dos seus proxectos. Rematamos o programa con Javi, da libraría A gata tola de Compostela, que veu para contármonos das novidades máis interesantes e tamén para falar de libros con plastiquiños.

As músicas deste programa son:

  • The Retrosettes Sister BAnd – You Got The Love.
  • Herbie Hancock – Oliloqui Valley.
  • Los Tamara – El Hombre Del Tiempo.
  • Eels – My Beloved Monster.
  • Undershakers – She´s Falling In Love With A Monster Man.
  • Jota – Una vez jure.

As lecturas do Sr B: Tungsteno

tungsteno-portada-Metrópoles Delirantes
Tropicalismo calibre 45

Os galegos partillamos lingua coa lusofonía, mais por desgraza, os nosos intercambios culturais son escasos e chega pouca obra da bedé destes países, ao vivirmos de costas aos nosos irmáns de fala, por desleixo (noso) e aversión (da xunta) fai que, en xeral, perdamos no seu formato orixinal obras coma Tungsteno de Marcello Quintanilha, unha desas excepcións que chegou España editada con primor por La Cúpula.

Esta é a primeira novela gráfica de Marcello que se publica en España, aínda que é un dos autores máis coñecidos do Brasil e que leva varios anos vivindo en Barcelona e publicando con éxito no mercado franco-belga.

O primeiro acerto de Quintanilha e seducirnos sabiamente cunha capa que é exemplo de perfección e sincretismo, sen desvelar nada, amosa moito do que descubriremos no interior do libro, as cores da capa, na edición de La Cúpula, transmiten perfectamente a calidez do país carioca, case ata a brisa das praias, e aínda que o libro está feito nun sobrio e sempre elegante branco e negro, xa nos desvela a mestría e sutil dinamismo do trazo de Quintanilha. E o mesmo tempo anticipa a historia sen contar absolutamente nada, coma se fora un xeroglífico. As pernas dun home e unha muller camiñando pola beiriña do mar e unha pistola que advirte coa súa presencia que a historia do interior non é de hippies cantando ao amor nunha praia, nin moito menos. Seguir lendo