O home sen talento é unha obra de Yoshimaru Tsuge, un dos nomes que automáticamente relacionamos co manga gekiga, e tamén un dos autores máis esquivos a ceder os dereitos das súas obras, a editora Gallo Nero tardou catro anos en convencelo para que autorizara esta edición. Esta obra que foi publicada en Xapón en 1985, conta a vida de Sukezo Sukegawa, o pouco talentoso home do título, que garda demasiadas similitudes co propio autor.
Sukegawa, é un “mangaka” que decide abandonar a súa carreira de debuxante para adicarse a outras ocupacións, tenta vender cámaras de fotografía, mais negocio non prospera, entón da un triple mortal cara adiante e decide dedicarse a un deses “negocios” orientais que desde occidente nos parecen tran estraños coma poéticos, un arte chamado Suiseki, que consiste en buscar pedras que evoquen ou recorden paisaxes ou mesmo obxectos, o protagonista da historia monta un casoupo á beira do río no que vende as “súas” pedras. Este home sen talento vai de mal en peor, auto afianzandose na idea da súa falla de talento e na idea do fracaso como estraño motor de vida.

Aínda sen ser autobiográfica, esta historia ten moitas similitudes coa vida do autor, que tamén se dedicou á venda de cámaras de fotos, tamén ten dificultades para a relación cos demaís, afeccións psicolóxicas e unha infancia que semella deixou severas feridas na persoa na que se converteu cando medrou.
A pesar de ter unha fonda calidade literaria con momentos de inmersión na filosofía budista, da que Tsuge é un gran coñecedor, o libro é complexo, interesante, pero non divertido, xa que logo a crudeza e a durísima historia que Tsuge nos conta fai que por momentos un precise descansar para retomalo máis adiante, o autor fai un magnífico traballo ao ser quen de provocar en calquera persoa mínimamente sensible momentos de vacio e tristura.
Este é un libro duro, moi duro, que afonda nos momentos de soidade, na autodestrucción, a imposibilidade para relacionarse, ou mesmo na apatía vital, probablemente reflexe a debacle existencial dun autor ao que lle costou adaptarse aos rápidos cambios do Xapón da postguerra.
Non busquen en Tsuge un grande do debuxo, aquí non hai grandes composicións de páxina nin virtuosismo no debuxo, que máis ben serve de apoio ao narrativo, quizais xa se atisba ese aburrimento e o caracter depresivo que fixo que o autor publicase outra obra e abandonase definitivamente o manga, talmente coma protagonista desta historia.