Arquivo da categoría: BD Galega

Nabiza Girl | Isabel Risco, Carlos Ares e Manel Cráneo

  • Título: Nabiza Girl.
  • Autor: Isabel Risco, Carlos Ares e Manel Cráneo.
  • Editorial: Concello da Coruña.
  • Lugar: A Coruña.
  • Ano de edición: 2023.
  • Número de páxinas: 12.
  • Prezo: De balde na web isabelrisco.eu

Superheroína rural

Nabiza Girl, é un personaxe creado pola actriz Isabel Risco, inicialmente, para o teatro. Así e todo, esta superheroína enxebre xa se transformou nun proxecto multimedia con presenza en múltiples soportes, dos escenarios saltou primeiro á internet cunha webserie e, agora, no derradeiro pinchacarneiro, chega á banda deseñada con este mini volume titulado Nabiza Girl, Operación Breogán. Esta obra, pequena en páxinas e grande en talento, foi editada polo Concello da Coruña, a través dun programa de axudas a artistas da cidade, cunha tiraxe de douscentos exemplares en papel para ser distribuído na rede de bibliotecas e nos centros de ensino de secundario da cidade, aínda que tamén ten acceso de balde a través da internet para a súa lectura online na páxina da propia actriz.

Nabiza girl é a identidade segreda de Chelo García Naveira, unha rapaza que logo de verse exposta a un exceso de sulfatos acadou superpoderes e que non acouga perante as inxustizas e os ataques á nosa cultura e que, así mesmo, está ben orgullosa do súa orixe rural.

Nesta primeira entrega en formato BD a nosa peculiar agro-heroína terá que atopar a espada de Breogán nunha historia chea de humor e aventuras; amor e acción, nunha peculiar homenaxe-parodia, chea de referencias culturais, ás aventuras dos superherois clásicos da cultura norteamericana.

Seguir lendo
Advertisement

Baixo o pantano | Ángela Curro

  • Título: Baixo o pantano.
  • Autor: Ángela Curro.
  • Editorial: DemoEditorial.
  • Lugar: A Coruña.
  • Ano de edición: 2022.
  • Número de páxinas: 64.
  • Prezo: 14,90€.

Vémonos no pantano

Ángela Curro é unha autora formada nas aulas da Escola Antonio Faílde de Ourense, un centro que xa leva dado un bo número de artistas da BD,  e tamén, nas aulas da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Para a súa primeira obra longa, Ángela, escolleu o xénero da ciencia ficción que non é un dos máis habituais do noso cómic fóra do circuíto dos fanzines.

A historia deste Baixo o pantano comeza nun futuro onde as viaxes no tempo son posíbeis, así, calquera que poida pagalo pode trasladarse atrás no tempo. Sonia, a rapaza protagonista, decide volver ao ano 2020 na busca de respostas para as preguntas que non deixa de facerse sobre a súa avoa e a súa familia. Sonia chega a unha vila que celebra unha festa histórica –que lembra moito o Arde Lucus– onde terá que procurar a información que precisa.

Seguir lendo

Córnea. The Drop. Tralla brava. Altar mutante | VVAA

  • Título: Córnea. The Drop. Tralla brava. Altar mutante.
  • Autor: Varios autores.
  • Editorial: Autoedición.
  • Lugar: A Coruña e Ourense.
  • Ano de edición: 2022.
  • Prezo: Varios.

Fanzinismo ou barbarie

Desta volta, nesta sección de banda deseñada, non vou falar dunha obra publicada por unha editora senón de varias obras que se autoeditan, é dicir, son os seus autores e autoras os que para alén de crear e debuxar as historias encárganse tamén da impresión e distribución. A autoedición ten o seu propio circuíto de festivais e eventos, en teoría mais undeground, mais nos últimos tempos xa non tanto. A autoedición ten detrás un considerábel esforzo de creación e mantemento e, normalmente, o seu fin non é lucrativo senón poder financiar a seguinte edición de fanzines. Convídolles a visitar algún destes fanzines, e se gostan, a buscalos na rede e apoialos.

Seguir lendo

2 Viaxes | Xaquín Marín e Reimundo Patiño

  • Título: 2 Viaxes.
  • Autor: Xaquín Marín e Reimundo Patiño.
  • Editorial: Editorial Elvira.
  • Lugar: Vigo.
  • Ano de edición: 2022.
  • Número de páxinas: 128.
  • Prezo: 27€.

E tódalas olladas vóltanse a uneca espranza….

No ano 1975 Xaquín Marín e Reimundo Patiño, artistas polifacéticos, que tamén traballaban no grafismo e na pintura, publicaron esta senlleira obra que sería fundacional da banda deseñada galega moderna: 2 viaxes. O álbum, editado na segunda etapa editorial de Brais Pinto, propón precisamente dúas historias, unha de cada autor, que son esas viaxes do título. A primeira é asinada por Xaquín Marín e titulada: O longo camiño de volta dende as estrelas. A segunda é a que debuxa Reimundo Patiño co titulo: A saga de torna no tempo.

Marín e Patiño crean dúas historias independentes e con estilos moi diferentes, ambas son relatos de ciencia ficción e ambas falan de temas moi actuais na Galiza daquel momento –tamén deste– que situadas en mundos imaxinarios e distópicos son un xeito de criticar a ditadura esmorecente sen ser demasiado explícitos.

Seguir lendo

El Fuego, a vindeira obra de Rubín, publicarase en galego

David Rubín é un autor prolífico como poucos mais dende El Héroe non publica unha obra na que el sexa o autor integral. Logo de moitos anos traballando con distintos guionistas, o ano pasado anunciou que estaba traballando en El Fuego, unha obra que definiu como “das obras máis persoais que fixen e tamén das máis duras” na que recuncará como autor e debuxante.

Seguir lendo

Programación do Autobán 2022

Logo do obrigado parón destes anos pasados pola Covid, o festival recupera a normalidade cunha edición presencial que decorrerá na fin de semana do 12 e 13 e servirá para retomar o pulso ao movemento fanzineiro e de autoedición galego mais tamén ao extranxeiro. O programa recolle presentacións, obradoiros o mercado de fanzines e o xa habitual e exitoso combate de debuxantes.

Como eixe do encontro, o mercado e fanzines reunirá o máis destacado da recente produción autoeditada do país, fundamentalmente no campo da ilustración e da banda deseñada

Seguir lendo

Altar Mutante 11

O fanzine de horror putrefacto máis famoso do país volve como cada verán, Altar Mutante 11 está xa nas rúas e con capa de Lidia Cao. Ademais do traballo de Lidia tamén atoparemos nas súas paxinas boa bd a cargo dos sospeitosos e sospeitosas habituais mais tamén con algún nome novo: Kike Benlloch, Diego Blanco, Alfonso Bueno, Greta Debelius, Elchinodelpelocrespo, Ennegrecido, Álvaro López, Edu Molina, Jorge Peral, Nerocrane, Rubén Rial, Jose Luis Rodríguez, Luis Sendón, Sekone, Dani Xove e Yupiyeyo.

Durante o Viñetas pódese mercar nas casetas de Demo Editorial e da AGPI Asociación Galega de Profesionais da Ilustración.

Uxía Larrosa, Luís Yang e Quico gañan o XVII Premio Castelao de BD

Onte facíanse públicos os e as gañadoras do XVII Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña. ‘O bico da serea’ de Luis Yang e Uxía Larrosa na modalidade xeral namentras na modalidade LIX foi elixida a obra ‘Contando Estrelas’ de Francisco Pérez.

O xurado desta edición

‘O bico da serea’ narra a historia da relación entre unha rapaza pre-adolescente e unha serea, na se van entrelazando a vida cotiá e a rutina diaria con aspectos fantásticos e mitolóxicos. O xurado destacou da obra, o xurado salienta no seu informe “a poética e a gráfica” da proposta e indica que “o guión tamén toca diversas temáticas interesantes e con moita carga literaria que deleita os ollos e estimula a imaxinación”.

Na categoría LIX, a obra ‘Contando Estrelas’, está composta por relatos curtos protagonizados por estrelas que van tratando temáticas contemporáneas e comúns da sociedade actual como a soidade e a perda. O xurado menciona “a súa delicadeza e coidada ilustración”, así como o interese por “tratar temas cos que todas podemos sentirnos identificadas, a través das metáforas coas estrelas e por traballar con elementos do imaxinario colectivos”.

Seguir lendo

Adeus amigos | Begoña García-Alén

  • Título: Adeus amigos.
  • Autor: Begoña García-Alén.
  • Editorial: Deputación da Coruña.
  • Lugar: Coruña.
  • Ano de edición: 2021.
  • Número de páxinas: 72.
  • Prezo: 13€.

Era un barco ben pequeno…

Begoña García-Alén é unha das autoras máis vangardistas da nosa banda deseñada, asidua dos círculos máis underground e ben coñecida pola súa militancia nos fanzines. Desta volta asina unha BD que flutúa entre ese carácter experimental e vangardista que destila toda a súa obra e un certo achegamento a unha narrativa máis convencional. Con Adeus amigos gañou o XV Premio Castelao de Banda deseñada da Deputación da Coruña na categoría xeral.
Adeus amigos conta o estraño caso da desaparición en 1975 do artista Bas Jan Ader. O artista embarcouse nun pequeno bote coa intención de cruzar o atlántico, logo de tres semanas perdeuse a comunicación con el. O bote atopouno (e trasladouno a Ferrol) un pesqueiro galego un tempo despois mais nin o artista nin o seu corpo apareceron.

Seguir lendo

Unmasked de Pablo Pereira e Silvia Santamarina nomeado aos Eisner

Unmasked é unha historia de intriga dividida en 24 capítulos que segue as aventuras dun grupo de cinco persoas que esperta nun mundo devastado e cunhas máscaras cadeadas as súas faces con pechaduras irrompíbeis.Ninguén lembra como chegou alí, pero quedar de brazos cruzados significa unha morte segura. Todo está cuberto de néboa e os poucos edificios que aínda están en pé semellan ter sufrido un cataclismo. Cando aparece un primeiro monstro, comprenden que deben matalo para poder liberar os candeados das súas lembranzas…

Seguir lendo