Arquivo da categoría: BD Europea

Becky Riot | Mariano Pardo

  • Título: Becky Riot.
  • Autor: Mariano Pardo.
  • Editorial: Astiberri.
  • Lugar: Bilbao.
  • Ano de edición: 2022.
  • Número de páxinas: 200.
  • Prezo: 25€.

Becky contra todo o puto mundo

Esta BD conta a vida dunha adolescente, Becky, que está vivindo esta etapa vital dun xeito especialmente complicado. Becky non é a rapaza con máis éxito no instituto, os seus pais están divorciados e ela transita  cada día por unha montaña rusa emocional.

Está obra de Mariano Pardo é un interesante documento gráfico e narrativo sobre esa etapa de transición da vida infantil á adulta. Por veces realista e por veces psicodélico mais, en todo caso, conservando esa capacidade das ficcións ben construídas de veracidade.

Becky é unha pésima estudante que non aproba ningunha e á que o resto do alumnado ignora e mesmo rexeita. Acoso entre iguais e desprezo dun sistema deseñado para estandarizar que rexeita as personalidades distintas. Becky Riot sinala moi ben os problemas dun sistema de merda.

Un guión episódico, vese a influencia do estoupido das series, sobre todo dos Simpson, e que non escatima en mala hostia, humor negro, crítica social e unha pingas de punk. Din os materias promocionais da editora que ten influencias de «Todd Solondz, de Daniel Clowes e de Simon Hanselmann». E si, tenas.

Seguir lendo
Advertisement

Black is Beltza. Ainhoa |Fermín Muguruza, Harkaitz Cano e Susanna Martín

  • Título: Black is Beltza. Ainhoa.
  • Autor: Fermín Muguruza, Harkaitz Cano e Susanna Martín.
  • Editorial: DemoEditorial.
  • Lugar: A Coruña.
  • Ano de edición: 2022.
  • Número de páxinas: 128.
  • Prezo: 22€.

Non hai revolución sen cancións

Ainhoa nace en Bolivia e medra en Cuba. No 1988 comeza unha viaxe para coñecer Euskal Herria, terra do seu pai, onde coñece a Josune, unha xornalista comprometida.

Ainhoa e Josune comezan xuntas unha viaxe que as levará do Líbano a Afganistán e a cidade de Marsella. Son os derradeiro anos da Guerra Fría e ámbalas dúas descubrirán o escuro mundo das redes do narcotráfico e os estreitos vínculos destas coa política.

Esta é a segunda entrega en banda deseñada universo Black is Beltza, o proxecto transmedia impulsado por Fermín Muguruza, que non só completa senón que mellora a anterior. A historia de Manex e as súas viaxes eran interesantes, trepidantes e aditivas e as da súa filla non son menos. Desta volta a acción parte dos derradeiros anos da década dos oitenta, uns anos intensos, cos ianquis metidos en fariña, financiando á contra en Nicaragua e aos talibanes en Afganistán. Anos convulsos tamén no estado español, nos que o conflito vasco estaba no momento máis duro de violencia e represión e a heroína levaba por diante a unha xeración en Euskal Herria –e tamén na Galiza, por certo-.

Seguir lendo

Senso | Alfred

  • Título: Senso.
  • Autor: Alfred.
  • Editorial: Ediciones Salamandra Graphic.
  • Lugar: Barcelona.
  • Ano de edición: 2022.
  • Número de páxinas: 160.
  • Prezo: 24€.

Sentir

Alfredéun autor dotado dunha especial sensibilidade e capacidade, tanto gráfica como narrativa, grazas e iso no 2014 gañou a Fauve d’Or no Festival de Angoulême con Come Prima (Salamandra Graphic). Desta volta publica Senso, un cómic poético que cun deliberado ritmo pausado que nos fai transitar polas sensacións para levarnos, con moita habilidade, até o punto emocional dos protagonistas. 

Germano, un home xa na madurez, baixa do tren na estación de destino para descubrir que todo o que podía complicarse vaise complicar. No hotel hai unha voda, fai un calor asfixiante e non paran de xurdir problemas. Porén, coñece a Elena, coa que vai tecendo unha estraña relación que comeza con encontros breves que lle punzan nos sentidos. Os dous están nun momento vital complexo e a súa será unha historia con idas e voltas até que, finalmente, a conexión total entre eles obrigaralles a tomar decisións.

Seguir lendo

Baixo o pantano | Ángela Curro

  • Título: Baixo o pantano.
  • Autor: Ángela Curro.
  • Editorial: DemoEditorial.
  • Lugar: A Coruña.
  • Ano de edición: 2022.
  • Número de páxinas: 64.
  • Prezo: 14,90€.

Vémonos no pantano

Ángela Curro é unha autora formada nas aulas da Escola Antonio Faílde de Ourense, un centro que xa leva dado un bo número de artistas da BD,  e tamén, nas aulas da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Para a súa primeira obra longa, Ángela, escolleu o xénero da ciencia ficción que non é un dos máis habituais do noso cómic fóra do circuíto dos fanzines.

A historia deste Baixo o pantano comeza nun futuro onde as viaxes no tempo son posíbeis, así, calquera que poida pagalo pode trasladarse atrás no tempo. Sonia, a rapaza protagonista, decide volver ao ano 2020 na busca de respostas para as preguntas que non deixa de facerse sobre a súa avoa e a súa familia. Sonia chega a unha vila que celebra unha festa histórica –que lembra moito o Arde Lucus– onde terá que procurar a información que precisa.

Seguir lendo

Los años de internet | Damian Bradfield e David Sánchez

  • Autor: Título: Los años de internet.
  • Autor: Damian Bradfield e David Sánchez.
  • Editorial: Astiberri.
  • Lugar: Bilbao.
  • Ano de edición: 2021.
  • Número de páxinas: 88.
  • Prezo: 17€.

A ditadura dos algoritmos

Damian Bradfield, o fundador da tecnolóxica WeTransfer forma sociedade con David Sánchez (Un millón de años, Museomaquia ou En otro lugar), para reflexionar e contarnos, nesta BD, como a hiperconectividade das sociedades actuais nos afecta na nosa vida diaria. As empresas de internet son un monopolio de xigantes tecnolóxicos que comercian cos nosos datos e coa nosa privacidade.

A economía dixital prometía unha revolución que democratizaría o acceso á información, faríanos máis libres para crear e difundir contidos e facilitaría moito as nosas vidas. Ten algo diso, é evidente, máis ten moito máis de crear un negocio novo moi rendíbel no que nós somos o produto. E que é fantástico para o control social.

Seguir lendo

Todavía estoy vivo | Roberto Saviano e Asaf Hanuka

  • Título: Todavía estoy vivo.
  • Autor: Roberto Saviano e Asaf Hanuka.
  • Editorial: Reservoir Books.
  • Lugar: Barcelona.
  • Ano de edición: 2021.
  • Número de páxinas: 152.
  • Prezo: 19,90€.

Ler a ferida

Roberto Saviano é un xornalista e escritor italiano ben coñecido por ser autor de novelas sobre a camorra e a mafia. As súas obras, ademais, foron adaptadas para facer filmes e series que acadaron un grande éxito, en consecuencia, Saviano foi sentenciado a morte polos grupos de mafiosos que tan ben retratou en obras como Gomorra ou Zerozerozero. Dende o ano 2006 ten que vivir agochado e con escolta policial.

Agora, o escritor explora un formato novo, a banda deseñada, e faino coa compañía nos lápis do israelí Asaf Hanuka, un excelente debuxante que xa ten no seu palmarás un premio Eisner. Saviano e Hanuka asinan a catro mans esta BD na que amosan como é a vida do escritor, como comezou todo cunha simple operación de protección de dúas semanas que, por desgraza, rematou por se converter en permanente.

O guión é, evidentemente, moi persoal, Saviano debulla polo miúdo como é vivir tendo que cambiar case a diario de cama, de fogar, de rutina. Vivir escoltado e ameazado provoca lóxicas alteracións vitais e psiquicas.

Seguir lendo

Se busca Lucky Luke | Matthieu Bonhomme

  • Título: Se busca Lucky Luke.
  • Autor: Matthieu Bonhomme.
  • Editorial: Ediciones Kraken.
  • Lugar: Madrid.
  • Ano de edición: 2021.
  • Número de páxinas: 68.
  • Prezo: 20€.

O renacer dun clásico

Lucky Luke e Jolly Jumper atópanse coas irmás Angie, Bonnie e Cherry que viaxan atravesando o perigoso territorio apache, Luke ofrécese a acompañalas e escoltalas. Sen embargo, axiña descubrirán que alguén puxo prezo á cabeza do vaqueiro. O camiño troca entón nun desafío inzado de perigos que o grupo terá que superar unido e aprendendo a confiares nos outros.

Actualmente na banda deseñada francobelga hai dúas tendencias ben diferenciadas en canto a como continuar cos personaxes clásicos: a dos editores de Astérix que optan pola vía de imitar do xeito máis semellante posíbel os orixinais, tanto no aspecto gráfico como nas historias ou a de editores de personaxes como Spirou, Blueberry, Corto Maltés ou Lucky Luke que abrazan a outra vía posíbel: a contraria, buscar autores que os reinterpreten que os leven ao seu estilo cambiando todo o necesario, tanto nos personaxes como nas historias, mesmo permitindo cambios radicais nos deseños ou no tempo da diéxese, como no último Corto de Martin Quenehen e Bastien Vivès.

Seguir lendo

Blacksad. Todo cae (Primeira parte) | Juán Díaz Canales e Juanjo Guarnido

  • Título: Blacksad. Todo cae (Primera parte).
  • Autor: Juán Díaz Canales e Juanjo Guarnido.
  • Editorial: Norma Editorial.
  • Lugar: Barcelona.
  • Ano de edición: 2021.
  • Número de páxinas: 60.
  • Prezo: 16€.

O éxito, o poder e as grandes decisións veñen sempre de arriba

Unha función de teatro do Festival Shakespeare é interrompida pola policía e John Blacksad, presente no público, intervén para mediar e evitar altercados entre policías e espectadores. Deste xeito tan teatral comeza esta aventura na que o gato detective descubrirá e investigará os mecanismos da corrupción na cidade de Nova York. 

A Blacksad encárganlle protexer a un líder sindical ameazado polos poderes económicos máis corruptos e pola mafia das donicelas. Evidentemente, a intervención do detective será molesta e perigosa para eses poderes que non dubidarán en ameazar a vida do detective de novo.

Este álbum é a primeira parte da sexta entrega das aventuras do gato detective máis famoso da BD mundial, un regreso moi agardado e moi celebrado logo dun ínterim no que ambos autores se adicaron a outros proxectos, Díaz Canales a Corto Maltés (con Rubén Pellejero) e Guarnido a El Buscón en las Indias (con Alain Ayroles).

Seguir lendo

2 Viaxes | Xaquín Marín e Reimundo Patiño

  • Título: 2 Viaxes.
  • Autor: Xaquín Marín e Reimundo Patiño.
  • Editorial: Editorial Elvira.
  • Lugar: Vigo.
  • Ano de edición: 2022.
  • Número de páxinas: 128.
  • Prezo: 27€.

E tódalas olladas vóltanse a uneca espranza….

No ano 1975 Xaquín Marín e Reimundo Patiño, artistas polifacéticos, que tamén traballaban no grafismo e na pintura, publicaron esta senlleira obra que sería fundacional da banda deseñada galega moderna: 2 viaxes. O álbum, editado na segunda etapa editorial de Brais Pinto, propón precisamente dúas historias, unha de cada autor, que son esas viaxes do título. A primeira é asinada por Xaquín Marín e titulada: O longo camiño de volta dende as estrelas. A segunda é a que debuxa Reimundo Patiño co titulo: A saga de torna no tempo.

Marín e Patiño crean dúas historias independentes e con estilos moi diferentes, ambas son relatos de ciencia ficción e ambas falan de temas moi actuais na Galiza daquel momento –tamén deste– que situadas en mundos imaxinarios e distópicos son un xeito de criticar a ditadura esmorecente sen ser demasiado explícitos.

Seguir lendo

Balada para Sophie | Filipe Melo e Juan Cavia

  • Título: Balada para Sophie.
  • Autor: Filipe Melo e Juan Cavia.
  • Editorial: Norma Editorial.
  • Lugar: Barcelona.
  • Ano de edición: 2021.
  • Número de páxinas: 317.
  • Prezo: 35€.

Le poète du piano

Melo e Cavia xa levan ás costas unha boa presada de obras, dende o divertido e fantastico Dog Mendonça e Pizzaboy até os Vampiros espectrais (e reais) das guerras coloniais africanas. Sempre fixeron boas obras, ben é certo, mais con esta Balada para Sophie acadaron outro nivel.

Balada para Sophie contanos a vida Julian Dubois, un celebrado e exitoso pianista, xa no final da súa vida, que mantivo unha relación de rivalidade e admiración con outro pianista, François Samson.  Un día aparece na súa porta, Adeline Jourdain, unha xornalista que quere entrevistalo e, pese á reticencia inicial, este remata por contarlle a súa vida e memorias e, tamén, os seus segredos.

O guión desta Balada para Sophie é simplemente magnífico, espectacular, fermoso. Poñan todos os epítetos que queiran, é unha obra de reloxería, todo funciona, todo está no seu sitio, todo o artefacto traballa coordinado para impulsar a lectura, que xa lles advirto, atrapa como a fame despois dunha noite de festa. Un guión que, ademais, é quen de transmitir os matices da música. A carreira de Filipe Melo como pianista sobrevoa a narración, nótase que quen escribiu a historia sabe falar de música e impregnar de melodías e harmonías cada viñeta.

Seguir lendo