Arquivo por etiquetas: Orgullo LGBTI

Viñetas con orgullo

O 28 de xuño celébrase internacionalmente o Día do Orgullo LGBT, unha xornada entre festiva e reivindicativa dos dereitos da poboación lésbica, gai, bisexual e transexual, que conmemora os disturbios acaecidos en 1969 no bar Stonewall de Nova York, os sucesos que se consideran o inicio do movemento de liberación homosexual. Son, xa que logo, datas propicias para imbuírse do espírito desta comunidade e coñecela un pouco máis, e unha forma inmellorable de facelo é lendo (ou relendo) algunha banda deseñada de temática gai. A petición das Metrópoles, ofrézovos unha escolma con propostas variadas entre as que de seguro atoparedes algo que vos interese.

Stuck rubber baby-Metrópoles DelirantesStuck Rubber Baby. Se cadra, o cómic que mellor captura a esencia do Orgullo é esta novela gráfica pioneira, que desde que apareceu se considera un pouco o Maus da comunidade homosexual. Mesturando os seus propios recordos con eventos históricos, o debuxante Howard Cruse, antigo editor da antoloxía Gay Comix, constrúe un relato iniciático ambientado nas décadas dos 50 e os 60 en Clayfield, unha vila ficticia do sur estadounidense inspirada na súa Alabama natal. O narrador da historia é Toland Polk, un home de 40 anos que bota a vista atrás para lembrar connosco os seus turbulentos anos de mocidade nese ambiente racista e opresor. Presenciaremos como foi progresivamente tomando conciencia e aceptando a súa identidade gai, e como acabou implicándose no movemento polos dereitos civís. Cun estilo menos caricaturesco do que lle coñeciamos, Cruse presta particular atención ao detalle nunha minuciosa posta en páxina repleta de información visual e diálogos naturalistas que nos transporta a unha época moito máis escura para as minorías que a actual e que nos fará apreciar todo o que se leva avanzado na loita a prol da tolerancia. Seguir lendo

Advertisements