Arquivo por etiquetas: Norma Ed

As lecturas do SrB: Carvalho. Tatuaje

Aquí en español.

“Nacín para revolucionar o inferno.”

Carvalho_CapaTatuaje foi a segunda novela de Pepe Carvalho, foi publicada en 1972. Agora despois de múltiples versións para televisión e cinema chega á banda deseñada nunha adaptación de Hernán Migoya e Bartolomé Seguí (Premio Nacional de cómic no 2009).

O detective é contratado para investigar a identidade dun home que aparece aboiando na praia co rostro comesto polos peixes. O único fío do que tirar é unha tatuaxe, Nacín para revolucionar o inferno. A busca levará a Carvalho polas rúas de Barcelona e Amsterdam.

Carvalho, un tipo duro afeito a manexarse no lumpen Barcelonés, entre prostitutas e quinquis, é tamén un Gourmet con grande habilidade para a cociña e un home culto cunha gran biblioteca da que bota man cando non ten con que prender un lume. Un personaxe cheo de matices, faces contrapostas, descrido e contraditorio, de volta de todo, da CIA, do comunismo e até da vida. Carvalho xa é só militante da comida e das mulleres. Un personaxe co atractivo do real, ben construído, complexo, descarnado e bruto cando é preciso, perfectamente delicado cando a ocasión o require. Un verdadeiro iconoclasta capaz de queimar un Quixote para prender a cheminea. É imposíbel no lle ter respecto. Seguir lendo

Advertisements

As lecturas do Sr B: La muerte de Stalin

Aquí en español.

MUERTE-DE-STALIN_capaNa BD franco-belga existe unha potente corrente de recreación histórica, un tipo de cómic que no noso mercado adoita ser ben aceptado polo público e non tanto pola crítica máis especializada que nestes tempos anda máis deslumbrada pola risografía, o vangardismo inintelixíbel e o revival, tan oitenteiro, da liña chunga e o lumpen viñetario. Nesta corrente histórica xa demostrou Nury a súa mestría cunha obra excelente, Érase una vez en Francia, que en España foi publicada en tres tomos por Norma editorial.

En La muerte de Stalin os autores aproveitan os feitos reais, a historia, para, engadíndolle partes ficcionadas, crear unha teoría dos feitos. Con Nury no guión e Robin no debuxo, os alicerces para que a obra sexa interesante están ben postos e son sólidos. Seguir lendo

As lecturas do Sr B: Insecto

Aquí en español.

Amor disléxico.

Insecto1-metropoles-delirantesVivimos nunha sociedade hipersexualizada, mais iso si, sempre dentro duns cánones, a moral e a tradición nacional-católica aínda teñen demasiado peso neste estado que é cada vez máis carpetovetónico douspuntocero. Insecto é un fermoso libro de temática erótica de María Llovet, debuxante Barcelonesa cun dinámico estilo manga, que aborda as relacións diferentes.

Insecto conta a historia de Lea e Lucas, dous irmáns adolescentes, ela, rebelde que goza coa provocación, en loita constante coa nai, e el, calado e disléxico, os dous viven unha relación carrusel, de sentimentos incontrolábeis, que os levan a un “amor fou” que causará escándalo en mentes vetustas de visón e misa de doce e fruición nas máis abertas, aventureiras e soñadoras. Seguir lendo

As lecturas do Sr B: La casa, crónica de una conquista

Aquí en español.

La Casa1-metropoles delirantesNestes últimos meses apareceron ata tres obras de banda deseñada que teñen como leit motiv o espazo que habitamos, “Aquí” de Richard McGuire, “La  Casa” de Paco Roca e “La casa, crónica de una conquista” de Daniel Torres. Calquera das tres son obras superlativas, cada unha no seu espazo, no seu estilo e ao xeito do seu autor, todas acadaron moi boas críticas e aceptación do público.

Máis eu penso que a máis superlativa das tres é a de Daniel Torres, un tomo de case que 600 páxinas divididas en 26 capítulos nos que o autor fai un exhaustivo percorrido pola historia da casa; na realidade é máis, porque non se pode disociar a casa, o concepto de lugar de protección e acubillo, dos seus habitantes, claro, a transformación do espazo está necesariamente xunguida a evolución dos seus habitantes e viceversa.

Parece absurdo, pero penso que aínda hoxe os teóricos non se poñen de acordo en quen cambia a quen nesa ecuación sempre complexa que formamos humanos, hábitat, historia e progreso, o que está claro é que dende os tempos das cavernas ata estes tempos modernos de urbanizacións, bloques e arquitectura de “deseño”, os humanos pasamos por moitos momentos, necesidades e solucións para un mesmo problema, a vivenda. Seguir lendo

As lecturas do Sr B: Presas Fáciles

Aquí en español.

presas_capa-metropoles-delirantesMiguelanxo Prado é un autor superlativo, non hai dúbida ningunha, e deixa en cada libro boas mostras. Neste Presas fáciles da un pasiño adiante para non só agasallarnos cunha obra gráfica excelente, senón que amais deita nel a rabia dun humanista cabreado coa parte podre da sociedade cruel e carroñeira que permite o engorde dos beneficios empresariais á costa dos patrimonios e as vidas dos máis débiles, actuando coa impunidade que herdaron dos caciques e os señoritos que decidían destinos e aos que por desgraza tan ben coñecemos na terra nosa.

Presas fáciles avisa xa desde a capa do que imos atopar. Dous velliños miran entre aterrados e resignados a unhas hienas que os axexan, porque este libro non só é unha historia policíaca que afonda no drama das preferentes e os abusos da banca, tamén é a historia dos que son silenciados polos poderes económicos, mediáticos e políticos, un xeito de ensaio no que Miguelanxo busca unha resposta á creba do contrato social que herdamos da revolución francesa. Cando o estado non garante nada e a xustiza non é cega nin xusta, que facemos? Seguir lendo

Metrópoles Delirantes 58 – Daniel Torres

daniel-torres-metropoles-delirantesNa quincuaxésimo oitava emisión o Sr B fai imprescindíbel unha obra que foi premio nacional, El arte de volar de Altarriba e Kim. Escoitaremos a segunda das entrevistas que gravamos no pasado viñetas desde o Atlántico, desta volta a Daniel Torres, o valenciano contounos moitas cousas do seu “La casa”. Para rematar, dende A Gata Tola de Compostela, Javi achegouse para nos falar das novidades máis interesantes.

http://www.ivoox.com/player_ej_13069828_2_1.html?data=kpidmJ6cdpmhhpywj5WVaZS1kZWSlaaUdI6ZmKialJKJe6ShkZKSmaiRdI6ZmKiar6mZfIyhjKnO0M7JsIzI0Nffx9iRaZi3jrLS1teJh5SZo5jd0dHJt4y4xtHW1MbSuMbnjoqkpZKU&

As músicas desta emisión son:

  • Right Place, Wrong Time– Dr John.
  • K&D – Jazz Master.
  • Elbow – This blue world.
  • Willie Wright – Right on for the darkness.

As lecturas do Sr B: El ala rota

Aquí en español.

capa-el-ala-rota-metropoles-delirantesO duo creativo que forman Antonio Altarriba e Kim recibeu no ano 2010 o premio nacional de cómic con El arte de volar, unha excelente, densa e dura obra na que narraban a vida do pai do primeiro. O propio Altarriba explica no epílogo deste libro que chegou a conclusión de que non lle fixera xustiza a súa nai, que como é evidente, estaba, mais non se afondaba na súa historia vital.

Como tódalas mulleres desa época, Petra, que así se chamaba, era unha muller calada, sufrida, traballadora e espelida, máis tan discreta que o seu propio fillo descubriu a súa minusvalía (non podía estirar un brazo) no seu derradeiro suspiro.

Petra como moitas mulleres daquel tempo, case non tivo infancia, e pasou a xuventude coidando dun pai que a quixo matar ao nacer e que foi de mal en peor dende aquel día. Ao falecer o pai marcha a Zaragoza onde entra a servir na casa dun Xeneral do exercito Franquista, nesa casa é testemuña muda das reunións segredas do militar, e das cospiracións dos monarquicos (que os había) do exercito do dictador. Da casa do Xeneral saiu para casarse, tivo un só fillo, e unha vida caseira. Rematou os seus días nunha residencia e foi xa no seu leito de morte onde o seu fillo descubre o pouco que sabe da vida da súa nai. Seguir lendo