- Título: Nabiza Girl.
- Autor: Isabel Risco, Carlos Ares e Manel Cráneo.
- Editorial: Concello da Coruña.
- Lugar: A Coruña.
- Ano de edición: 2023.
- Número de páxinas: 12.
- Prezo: De balde na web isabelrisco.eu
Superheroína rural

Nabiza Girl, é un personaxe creado pola actriz Isabel Risco, inicialmente, para o teatro. Así e todo, esta superheroína enxebre xa se transformou nun proxecto multimedia con presenza en múltiples soportes, dos escenarios saltou primeiro á internet cunha webserie e, agora, no derradeiro pinchacarneiro, chega á banda deseñada con este mini volume titulado Nabiza Girl, Operación Breogán. Esta obra, pequena en páxinas e grande en talento, foi editada polo Concello da Coruña, a través dun programa de axudas a artistas da cidade, cunha tiraxe de douscentos exemplares en papel para ser distribuído na rede de bibliotecas e nos centros de ensino de secundario da cidade, aínda que tamén ten acceso de balde a través da internet para a súa lectura online na páxina da propia actriz.
Nabiza girl é a identidade segreda de Chelo García Naveira, unha rapaza que logo de verse exposta a un exceso de sulfatos acadou superpoderes e que non acouga perante as inxustizas e os ataques á nosa cultura e que, así mesmo, está ben orgullosa do súa orixe rural.
Nesta primeira entrega en formato BD a nosa peculiar agro-heroína terá que atopar a espada de Breogán nunha historia chea de humor e aventuras; amor e acción, nunha peculiar homenaxe-parodia, chea de referencias culturais, ás aventuras dos superherois clásicos da cultura norteamericana.
Seguir lendo