“Memoria gráfica da nosa Banda deseñada”
Fai un par de anos, Xulio Carballo Dopico lía a súa exquisita tese doutoral, o traballo máis completo que existe sobre as orixes da banda deseñada galega aló polos anos setenta do século vinte. Un volume extenso, máis de seiscentas páxinas, que debullan polo miúdo parte da nosa historia. Reimundo Patiño, “Chichi” Campos, Xosé Díaz ou Xaquín Marín foron parte das figuras chave do amencer da nosa BD, as que Xulio reivindicaba co seu ímprobo traballo de investigación. Froito daquela tese naceu o proxecto expositivo BDG70. A revolta do cómic galego que foi inaugurado a finais de 2016 na sala Normal da Universidade da Coruña co gallo da conmemoración do aniversario da exposición de banda deseñada que no ano 1973 houbo nese mesmo espazo.
Este volume recolle os traballos que foron parte daqueles primeiros tempos da BD galega, que tivo que nacer necesariamente reivindicativa e popular, cunha fonda carga intelectual e usando un medio, a BD; e un idioma, o Galego; desprezados pola cultura máis elitista. Daquela, coma hoxe, a presión sobre a nosa terra, a nosa cultura e a nosa lingua era forte. A banda deseñada foi o vehículo perfecto para un grupo de artistas que precisaban xeitos novos de expresión, unha linguaxe nova para novas voces. Un movemento reivindicativo e valente nun momento arriscado. Aquela primeira exposición mesmo sufriu o ataque violento dun grupo da ultradereita. Seguir lendo