Arquivo por etiquetas: Deputación da Coruña

Oliver Añón gaña o XIII Premio Castelao de Banda Deseñada

premio-castelao_2018-metropoles-delirantesO gañador desta edición do Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña é o ilustrador e animador Oliver Añón Lema, (Barcelona, 1982) coa obra Canción para afundir flores no mar. O Premio Castelao de BD está dotado cun galardón de 6.500 € e a publicación da obra gañadora.

O xurado valorou que a obra gañadora é “graficamente impecable, moi ben debuxada, coherente, con bo uso do branco e negro”. Destaca tamén a capacidade do autor de aproveitar “as posibilidades do medio a través da narración visual”. Seguir lendo

Advertisements

Viñetas desde o Atlántico 2018

Vinetas-2018-Metropoles-delirantesPresentouse na Coruña a edición 2018 do Salón Internacional do Cómic Viñetas desde o Atlántico que levantará o pano o luns 6 de agosto e fará da cidade unha gran banda deseñada até o domingo 12 de agosto.

O festival aborda a terceira década cun grupo de creadores que transitaron polas primeiras edicións de Viñetas como autores noveis e que hoxe son creadores consagrados e de importante traxectoria. Segundo Miguelanxo Prado, director do festival dende a súa creación: “É o caso de Emma Ríos ou David Rubín, nomeados en reiteradas ocasións aos premios Eisner, e tamén de Homs ou Munuera, hoxe indiscutiblemente consagrados, a todos eles, que teñen hoxe un lugar específico no mercado internacional, vímoslles medrar desde aquelas primeiras historias ata as máis recentes, cuxos orixinais se expoñerán nesta vixésimo primeira edición do Festival”. Hai que destacar nesta edición a importante presenza de autores galegos, Emma Ríos, David Rubín, Tirso Cons, Bea Lema e Xosé Tomás.

O autor do cartaz  é un dos creadores presentes nesta vixésimo primeira edición do festival, José Luis Munuera. Seguir lendo

Unha historia de Vimianzo

Unaha-historia-de-VimianzoO Concello de Vimianzo en colaboración coa Deputación da Coruña ven de editar Unha historia de Vimianzo, un libro ilustrado de Rubén Rial no que coñecemos a historia do concello desde o neolítico até a actualidade, percorrendo nunha liña temporal a vida dos homes e mulleres que habitaron ese territorio a partir dos achados arqueolóxicos e do patrimonio histórico.

Rubén contou coa colaboración do Técnico Municipal de Patrimonio, Manuel Rial como asesor e autor dos textos e a obra conta cun amplo traballo de documentación. Unha historia de Vimianzo está publicada en edición limitada e será distribuida polo propio Concello.

Rubén Rial é autor tamén de 1468, ambientada nas revoltas irmandiñas.

Fontes: QPC e Concello de Vimianzo.

Convocado o XIII Premio de banda deseñada “Castelao”

Deputación Coruña-Metrópoles DelirantesA Deputación de Coruña convoca o seu premio anual de Banda deseñada.

Facemos unha escolma das bases:

Poderán participar todas as persoas, maiores de idade, de calquera nacionalidade, que non fosen premiados neste certame nos catro anos anteriores a éste, e que presenten obra escrita en lingua galega, inédita e non premiada.

As obras presentadas poderán ser escritas e debuxadas, cada unha delas, por un máximo de dúas persoas autoras (unha como guionista e outra como debuxante).

Establécense dous premios, dotados con 6.500 € cada un deles, para cada unha das seguintes categorías:

  • MODALIDADE XERAL. Obras dirixidas a todo tipo de lectores.
  • MODALIDADE LIX. Obras dirixidas especificamente ao público lector infantil e xuvenil.

As obras unicamente poderán presentarse a unha das dúas categorías. Seguir lendo

Metrópoles Delirantes 74 – Emilio Fonseca

Fora-de-mapa-metropoles-delirantesComezamos esta emisión a todo filispím, co Sr B e as novas da BD. Zapi volve ata as metrópoles para falar dos fillos de Victor Mora, nesta emisión dos tebeos xurásicos Jabato, o Corsario de Hierro e o Cosaco verde. Emilio Fonseca e o autor de Fóra de mapa, a obra gañadora do último Premio Castelao de Banda desenhada. Rematamos con Javi que ven dende a libraría A Gata Tola de Compostela cos libros máis interesantes.

As músicas desta emisión son:

  • Bonaparte – Fuck Your Accent.
  • Earth, Wind & Fire – Boogie Wonderland.
  • Chicharrón – Contra acantilados.

A Deputación da Coruña convoca vinte bolsas de estudos artísticos

A área de Cultura da Deputación convoca vinte bolsas para perfeccionamento de estudos artísticos nas que inclúe a banda deseñada.

Artes plásticas e visuais, danza e artes do movemento, teatro, música, audiovisual e ilustración e banda deseñada son os distintos ámbitos das bolsas coas que a área de Cultura quere apoiar a formación de creadores e creadoras en centros de referencia das súas disciplinas.

As bolsas da área de Cultura da Deputación da Coruña permitirán que vinte creadoras e creadores completen a súa formación en centros de referencia de fóra de Galicia nas distintas disciplinas de creación artística que, neste edición, amplían o seu abano coa incorporación de audiovisual e ilustración e banda deseñada.

Cada persoa beneficiaria recibirá un total de 9.000 € co que poderán financiar o gasto da realización de estudos artísticos durante o período 2017-2018. Cada participante poderase presentar só en tres convocatorias das bolsas. En total, a área de Cultura da Deputación destina este ano 180.000 € para as vinte bolsas que se reparten en seis modalidades, oito para a área de música, tres de teatro e interpretación, tres de artes plásticas e visuais, e dúas nas outras tres especialidades, é dicir, danza e artes do movemento, audiovisual e ilustración e banda deseñada.

“Coas bolsas queremos apoiar a formación artística en ámbitos en que completar os estudos é especialmente custoso e require investimentos que moitas persoas non poden soportar. Para nós, é importante manter este apoio que reverterá no futuro da nosa creación cultural”, explica a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín.

BDG70: a revolta do cómic galego

bdg70_1-metropoles-delirantesHai algo máis dun ano Xulio Carballo presentaba a súa tese doutoral, Para unha historia da Banda Deseñada Galega: a narración a través da linguaxe gráfico-textual, un excelente texto para entender o traballo e o contexto dos primeiros autores de BD do país, e tamén a primeira tese centrada na nosa BD,  agora, grazas á colaboración e apoio da UDC e a Deputación da Coruña e ao empuxe do propio Xulio, de Manel Cráneo e Demo Editorial “a verba fíxose carne”.

Onte inaugurouse na Sala Normal da Coruña a mostra BDG70: a revolta do cómic galego. Unha exposición na que se poderán contemplar os orixinais da BD galega deses anos setenta, obras de 27 autores como Reimundo Patiño, Xaquín Marín ou Chichi Campos, entre outros, que volven a luz despois de moitos anos de esquecemento.

bdg70_2-metropoles-delirantesA mostra recolle as obras e documentos máis importantes e característicos do nacemento contemporáneo da banda deseñada Galega, que tería precisamente unha das súas primeiras exposicións na Sala Normal hai 43 anos. Poderemos comprobar e admirar a riqueza e variedade temática, das técnicas artísticas e dos diferentes formatos.

Esta exposición reivindica a gran cantidade de artistas que nos derradeiros alentos do período ditatorial utilizaron a BD como medio de expresión do seu pensamento, e fixérono amais na nosa lingua.

bdg70_3-metropoles-delirantesManel Cráneo, Xulio e o seu equipo fan con esta mostra un importantísimo labor de posta en valor, reivindicación e homenaxe aos pioneiros desta arte que non só é merecido polo seu valor como pioneiros senón pola indiscutíbel calidade do seu traballo e a dimensión simbólica e reivindicativa que non renunciou a vangarda artística.

Probablemente esta sexa a exposición de BD máis importante das feitas en Galiza, que agardamos poidamos ver nas diferentes cidades do país.