Arquivo por etiquetas: Curt Pires

As lecturas do Sr B: La Ficción

Aquí en español.

La ficción 1-David Rubín-Metrópoles Delirantes“A ficción de Pires e a realidade de Rubín”

“La ficción” é a historia de catro amigos da infancia, que descobren unha misteriosa caixa de libros que cando os len en voz alta poden transportalos ata outros mundos. A diversión faise pesadelo cando un deles desaparece, o resto dos rapaces xura non contar nunca o que pasou. Anos despois, un daqueles nenos, xa adulto, desaparece e os dous que quedan mobilízanse para que non se repita a historia.

Esta é a segunda incursión de Rubín no mercado norteamericano, despois da excelente saga “Aurora West” con Paul Pope e JT Petty, e desta volta, faino cun descoñecido (en Europa) guionista, Curt Pires, que plantexa unha historia a cabalo entre o real é o fantástico con continuos saltos no tempo que serve de exiguo andamiaxe para que o galego arme un palacete coa súa arquitectura gráfica.

Esta obra publicouse en catro números en Norteamérica, o que coñecemos por grampas, mais en España a editorial Astiberri recompilou todo nun so tomo que amais trae como extras sendos textos dos autores (o de Pires algo falto de humildade) e o máis importante un feixe de páxinas a lapis no que Rubín amosa “os seus trucos” de “mago de nivel 20”.

La ficción 2-David Rubín-Metrópoles DelirantesHai debuxantes que teñen a capacidade dun cirurxán de garda en urxencias para sandar un libro, aplican con mestría e rápido diagnóstico os coñecementos que teñen para salvar ó doente, e de feito, cunha boa dose de vitaminas, ata conseguen non só que saia da cama senón que gañe unha maratón.

Quizaís nun intento de facer do lector parte activa da historia, o guión de La ficción é (para o noso entender) demasiado críptico, complexo, e por veces, desamañado; é aí precisamente, onde os lápises do noso compatriota, a modo de vitamina c, danlle un empurrón ao libro e aos lectores. Boas páxinas, ben debuxadas e sobre todo ben compostas, que facilitan o tránsito polos mundos oníricos e as veces terroríficos de La ficción.

Si dalgún autor de tebeos do país temos ganas de ver unha serie potente nos Estados Unidos é  do David, calquera que falara con el máis de dez minutos axiña se decataría non só do amor pola bedé que respira ese corpo, senón da extensa cultura comiqueira que ten. Antes que autor, evidentemente, foi lector. (O Heroe, a súa obra fetiche comeza cunha homenaxe a Jack Kirby).La ficción 3-David Rubín-Metrópoles Delirantes

A arte de David está nun momento magnífico, asentadas as súas propostas segue aprendendo, sorprendendo, mellorando na proposta formal, e sobre todo experimentando, cunhas composicións de páxina cada vez mellores, facendo peto de experiencia e manténdonos sempre á expectativa co seu traballo. E namentres agardamos por un novo libro estritamente persoal (como guionista e debuxante) este ano sairá o que está a facer con guión de Marcos Prior, Gran Hotel Abismo, unha obra comprometida que pensamos vai ser outro punto de inflexión na carreira deste galego que está chamado a ser (si non é xa) un dos grandes autores da bedé europea deste século.

Esta recensión foi publicada en marzo de 2016 na revista Tempos.

Advertisements

Recomendacións de bd para o Apalpador (III)

The-Fiction-001-A-Main-Cover-metropoles-delirantesThe Fiction – David Rubín e Curt Pires.

Esta é a primeira serie propia do ourensán Rubín no país dos superherois, David pon aquí os seus lápises ó servizo da historia creada polo guionista Curt Pires.

The Fiction móvese entre mundos ficticios e o mundo real,  un grupo de catro cativos que ao ler libros no sobrado da casa, transpórtanse ata os mundos de ficción que len, ata que un deles desaparece. Quince anos despois, e sendo xa adulto, desaparece outro daqueles cativos cando reaparece un deses libros, os dous amigos que quedan tentarán buscalo, pero non serán as cousas tan sinxelas como parecen.

O libro ten unha estrutura narrativa non lineal aproveitando así tódalas posibilidades do medio para ir adiante e atrás no tempo e un debuxo no que o galego volve a amosar a súa habilidade para a narrativa gráfica, nunha historia que está feita a medida do seu estilo. Seguir lendo

The Fiction, o novo de David Rubín

The-Fiction_001_A_Main_Cover-Metrópoles DelirantesDavid Rubín non para, despois do El Momento de Aurora West, do que este ano vaise publicar a segunda parte, e mentres traballa no Gran Hotel Abismo, a novela gráfica que está a crear con guión de Marcos Prior, aínda ten tempo de meterse nunha nova aventura para o mercado norteamericano, trátase de The Fiction unha serie de catro números que vai publicar Boom Studios en Xuño deste ano, na que Rubín pon os debuxos e Curt Pires os guións.

A premisa de The Fiction é a idea de se perder nun mundo fictício. É a historia dun grupo de amigos que atopou un conxunto de libros que realmente lles permitiron explorar outros mundos. Pero un deles nunca máis volveu. E agora que son adultos, outro membro do grupo desapareceu.

Nós, xa agardamos impacientes.

Vía comicsalliance