Arquivo por etiquetas: Belatz

As lecturas do SrB: O Tesouro de Lucio

“Ás veces a vontade dun só home pode facer tremer un imperio.”

Belatz, pseudonimo de Mikel Santos, asina con esta a primeira obra longa da súa carreira e abofé que o fai cunha obra interesante e ben resolta.

10_Lucio1O Tesouro de Lucio fai un percorrido pola vida e obra de Lucio Urtubia, revolucionario e loitador anarquista nado en Cascante (Nafarroa) no ano 1931, nunha familia republicana de humildes recursos. Na infancia, cortada polas baionetas da guerra civil, coñeceu e sofreu a dictadura represora que inzaba as gabias de mortos e fulminaba as esperanzas democráticas do pobo coa complicidade da franquía máis retrógrada, ignorante e inmisericordiosa da igrexa de Roma. A súa xuventude transcorreu nos anos duros do franquismo entre curas, falanxistas e señoritos na súa vila natal, até que marchou ao servizo militar no que foi descuberto facendo «expropiacións» do material militar. Fuxiu a Francia onde comezou unha vida de pai e traballador que compaxinou coa súa militancia e a súa loita anarquista e libertaria. Expropiou -é a expresión que el usa- bancos, distribueu propaganda, refuxiou a maquis e axudou a outros na loita anticapitalista. A presión policial e as continuas entradas e saídas da cadea non acobardaron a Lucio que dou o gran golpe da súa vida contra unha institución de vital importancia no sistema financeiro internacional da época. Lucio e os seus compañeiros deseñaron un sistema de cobro de cheques falsificados tan perfecto que o propio banco tremeu ante a importancia da acción. Seguir lendo

Advertisements

A BD como medio social, discurso e compromiso en 6 cómics actuais

Os que gozamos coa Banda Deseñada e procuramos manternos ao día asistimos recentemente a outra desas «falsas polémicas» que coma as serpes de verán volven con cada estación. Porqué lles chamo falsas? Porque parten de premisas falsas, inexactas ou terxiversadas, algo que por desgraza vemos cada día nos medios de comunicación de masas e que xa advertia Bordieu nos 90 que ía pasar.

Desta volta o tema non era si existe a novela gráfica ou se tal lista é acaida. Agora o tema é se a Banda deseñada ten diferentes capas de significado e se pode ter un compromiso político ou social. É evidente que si. Porén desta vez a polémica é inexistente porque quen a enuncia amosou nas súas argumentacións certas «disonancias cognitivas» ou dito en galego non entendeu nada. Outro tema é se merece a pena discutir con iletrados.

Mais esa falsa polémica serve para presentar seis bandas deseñadas actuais que son interesantes, e por suposto, con multiples niveis de lectura que convidan á reflexión, afondando porén en algo que todos e todas sabemos xa: a banda deseñada non só é un medio excelente para este tipo de narrativas senón que agora mesmo é un dos que máis obras deste tipo pon no mercado. Seguir lendo