Sempre suceden cousas moi estrañas. Pero estrañas de verdade
Hai apenas un mes nacía en Compostela a editora A Reixa e o nacemento dunha editora de libros en galego sempre, sempre, é unha boa nova neste país noso tan necesitado de infraestrutura cultural propia. A editora chegaba a este mundo –case– pospandémico facendo bo aquel refrán tan de noso “se non queres caldo, dúas cuncas”. Comezou publicando non unha senón dúas obras a un tempo: Little Neno descubre os Beatles e Little Neno descubre os Rolling Stones. A encargada da tradución ao galego do universo deste melómano cativo creado por Dani Llabrés e Jaime Pantoja é a Valeria Pereiras.
A premisa dos libros é que cando Little Neno queda durmido, é transportado, xunto co seu oso Renato, ao universo dunha banda de música e coñece os seus integrantes e as súas cancións.
Estes libros de Little Neno son unha oportunidade fantástica de achegar bandas tan senlleiras do pop mundial como son os Beatles e os Rolling á rapazada, e non só, en realidade son álbums que se gozan en familia. Quen non imitou os guitarrazos provocadores, quinquis e elegantes de Richards fronte ao espello, ou quen non sabe de memoria os versos do submarino amarelo ou ese coñecido retrouso do (I can´t get no) Satisfaction. E xa postos, que mellor idea que montar un concerto no salón da casa cos fillos e fillas, que pode ser máis divertido para un sábado de dioivo e frío.
Seguir lendo →