Arquivo da categoría: Opinión

As lecturas do Sr B: Los Buenos Veranos

Aquí en español.

Los buenos veranos-Metrópoles DelirantesO título, xa deixa ben claro de que vai este libro e mesmo anticipa que naceu para ser unha serie. En España publícase agora o primeiro número, mais en Francia e Bélxica xa va saír do prelo o segundo. Nesta nova serie guionizada polo prolífico Zidrou e con debuxo de Lafebre, imos coñecer as vacacións, e só as vacacións,  dunha familia belga dos anos setenta, os Faldérault, cada libro será un ano distinto, e non necesariamente en orde cronolóxico.

Este primeiro número, titulado Rumbo al Sur, é puro Zidrou, unha historia con varios personaxes, cada un coa súa importancia, cada un coa súa batalla interna, todos necesarios nunha historia que se vai tecendo co pasar das páxinas, ata lograr que todo sexa unha unidade perfecta. O belga é quen de contarnos a historia sen caer nas evidencias, insinuando os problemas, as preocupacións, e constrúe os personaxes dun xeito tan preciso que axiña temos unha opinión formada do carácter de cada un deles.

O pai da familia é un debuxante sen moito éxito que sempre chega tarde ás entregas e que fai que toda a familia teña que agardar por el para comezar as vacacións, a nai é unha muller sobre pasada polas labores diarias na casa, no traballo e cos fillos, en plena crise existencial, e os cativos… pois iso, son cativos, xogos, pelexas, ilusións, ledicia, emoción.

E si Zidrou é o que lles pon alma, Lafebre é quen lles pon cara, e tamén o que fai visible a linguaxe oculta do guión, a historia que hai detrás da que lemos, porque xa sabemos que a cara é o espello da alma.

Lafebre fai un excepcional traballo neste libro, coma un fotógrafo é quen de crear e moldear a luz, cun debuxo máis definido que en La Mondaine, pero sen perder ese estilo tan persoal, e cunha cor que é un elemento narrativo máis, porque este libro amais dunha historia conta un momento que é feliz, as vacacións en familia, nunha época na que non existían as pantallas de vídeo para os coches, que carallo, non existía nin o aire acondicionado. Coches pequenos, incómodos, lentos, os nenos brincando sobreexcitados pola viaxe, as maletas que medran e engordan no pequeno intre que as despegas do chan para metelas no maleteiro do coche, os interminábeis quilómetros, a calor… Unha aventura que os Faldérault saben converter no máis divertido das vacacións, a viaxe.

Un libro que gustará especialmente aos que andan pola corentena, porque de seguro que lles lembrará a súa propia existencia nun relato ben contado, coa dose xusta de humor, costumismo, drama e sobre todo que deixa un moi bo corpo. Un cómic vitalista como o pai desta familia, cunha historia sólida como a nai e un grafismo tolo e divertido coma os fillos.

Amais, nesta época de novelas gráficas, na que o número de páxinas outorga un (irreal) plus de calidade, o formato álbum francés de medio cento de páxinas e tamaño grande paréceme un acerto.

Advertisements

Que sería da bd galega co apoio que merece?

Mañá comeza na capital Arxentina, Bos Aires, a cuadraxésimo segunda edición da feira do libro, na que terá protagonismo o libro e o sector editorial galegos, do 21 de abril ao 9 de maio de 2016. A representación galega inclúe 25 escritores do país.

A pesares de que a bd galega, pode fachendear de ter autoras e autores multipremiados, no estado e no estranxeiro, de ter un prestixio labrado a forza de traballo, dunha capacidade de convocatoria que supera cada ano e de cifras de vendas que amosan as claras que esta parte do libro non é menor, ningún autor, autora ou editora de banda deseñada galega estará en Bos Aires. Seguir lendo

Os mil mundos da ciencia ficción

Partimos a pé cara un planeta máis alá / porque estamos máis que namorados da vida e do que somos, escribiu o gran Ray Bradbury nun dos seus poemas sobre a obsesión do ser humano polo descoñecido. Esa fascinación sobre o que supera as nosas fronteiras (xa sexan planetarias ou temporais), as posibilidades da tecnoloxía e a infinita variedade de consecuencias para a sociedade forman parte das raizames da ciencia ficción, un xénero sen límites tamén na banda deseñada.

Se no ámbito literario Verne ou H.G. Wells sentaron as súas bases no XIX, as publicacións pulpsciencefiction01 de comezos do XX supuxeron un antes e un despois para a ilustración e os cómics desta temática. Revistas coma Amazing Stories —con portadas que sempre paga a pena revisitar pola súa modernidade— ou Planet Comics, amosaron os perigos de viaxes interplanetarias e futuros distópicos. Nesta última publicación tamén destaca a presenza de pioneiras coma Fran Hooper, debuxando a Mysta of the Moon, unha protagonista feminina con amplos coñecementos científicos e cun papel activo que non se limitaba a agardar polo heroe.

Viaxes espaciais entre xornais

A relación coa prensa (a través de tiras diarias ou páxinas dominicais) foi vital nos primeiros anos do cómic de ciencia ficción, con Flash Gordon coma o exemplo máis representativo do impacto que podían ter as viñetas xa nos anos trinta. Entre as historias que desbordan unha complexa imaxinería de planetas e culturas diversas sobresae o traballo de Alex Raymond. Aínda así foi a etapa de Dan Barry cando se afondou no contexto científico do cómic (axudado por escritores e guionistas que dominaban o xénero, fornecendo as tramas de maior credibilidade).

Esta estreita relación cos xornais está presente noutras obras como Garth —na que se introducen as viaxes no tempo e as implicacións morais de alterar o pasado— ou Jeff Hawke – onde destacou o elemento dramático e a psicoloxía das personaxes sobre a acción, que predominaba noutras publicacións contemporáneas—. Seguir lendo

As lecturas do Sr B: Rituales

Rituales-Metrópoles DelirantesAquí en español.

Álvaro Ortiz é un deses autores que semella dominar o seu traballo sen esforzo, cousa que por suposto non é tal. Dotado dun sentido da narrativa excepcional, é quen de contalas historias mais cotiás e o mesmo tempo as máis tolas sen perdelo ritmo, ou aínda de melloralas co excelente manexo dos tempos que amosa, ademais mestura nas súas historias un humor soterrado que ten moito que ver co británico, capaz de brincar do macabro ó hilarante nun par de cadriños, pero sen perder nunca ese rictus de sobriedade e sutil e fina ironía. Hai ademais unha serie de constantes nas súas obras que amosan como de disparatado, e por iso precisamente, tan real é o seu universo, gatos, crimes sádicos, sexo, retratos de Hitler, e por riba de todo, moita imaxinación.

Agora sae do prelo ó seu terceiro libro, Rituales, e amosa a constante evolución dun autor inquedo, que busca formas novas de contar historias e que non queda ancorado nun esquema fixo que xa sabe que funciona, ao contrario, nesta obra dalle unha volta e propón un universo de historias curtas que se moven entre as dúas e as dez páxinas de temática dispar, coas que salta do pasado ata o presente e do autobiográfico ao esotérico coa facilidade e mestría coa que un bo barman fai un Tom Collins.

As historias son completamente independentes, mais funcionan como unha sorte de pequenas crónicas da modernidade. O fracaso persoal e vital do escritor que emigra ata Escandinavia na procura da fama dos autores nórdicos, os novos tempos do cibersexo e o tele traballo como webcamer erótica, o debuxante de cómics na procura de documentación nun viaxe que remata en misterio, o piso compartido e os segredos dos veciños. Historias que son tan reais que poderían ser ata unha mera invención, paradoxos e misterios que teñen un elemento común e inquedante, un tótem cun gran falo.

Rituales2-Metrópoles DelirantesTodo este universo variado, estraño e enigmático cobra vida nas páxinas de Álvaro cun estilo de debuxo (aparentemente) moi “naif”, nada agresivo pero cun gran dominio de liñas, formas e movemento. Un debuxo aparentemente sinxelo que oculta na súa beleza formal unha complexidade que existe e que o autor demostra na capacidade sintética do seu trazo. Todo está aí, aínda que non o pareza.

Mención aparte hai que facer da cor, un elemento imprescindible e tamén ben característico do zaragozano, cores agradables e sabiamente combinadas que ademais de aportar unha luminosidade marabillosa ás páxinas, é o instrumento co que o autor, sabiamente, alixeira a carga macabra dos momentos máis sórdidos.Rituales3-Metrópoles Delirantes

Outra das características que máis destacan é a composición, as páxinas son coma un crebacabezas, fuxindo de inventos en diagonal ou experimentos estraños de dubidoso gusto. Fai o traballo minucioso dun arquitecto para compoñer páxinas complexas cun festín de cadriños nun alarde de perfeccionismo.

Álvaro Ortiz é un deses artistas cunha sólida proposta gráfica e argumental, ben recoñecible xa dende o seu primeiro libro, o excelente cenizas, que non deixa de medrar creativa e formalmente.

Esta recensión foi publicada en xaneiro de 2016 na revista Tempos.

As lecturas do Sr B: Nankin, La ciudad en llamas

nankin-Metrópoles DelirantesAquí en español.

En occidente somos ben conscientes das barbaridades cometidas polas potencias do eixo europeas da Segunda Guerra Mundial, sobre todo polos nazis; o que non temos tan presente son as atrocidades do exercito xaponés, que invadiu aos seus veciños e impuxo, as mesmas políticas xenocidas que os nazis impuxeron en Europa.

Nankin, ciudad en llamas, é unha banda deseñada na que Ethan Young aborda un dos capítulos máis devastadores, e aínda hoxe controvertidos, da Segunda Guerra Mundial en Asia. Para facermonos unha idea da masacre cometida en Nankin, as cifras de mortos que se barallan polos historiadores rondan as 300.000 persoas.

A finais de 1937 o exercito imperial nipón conquista a cidade de Nankin, importante porto na beira do Yang-tse, e moitos soldados do exercito chinés, o kuomitang, quedan atrapados na cidade. Nesta situación están os dous protagonistas desta historia, un capitán e un soldado chineses, que deciden tentar chegar ata a zona segura da cidade, onde estaban refuxiados os estranxeiros. É a historia dunha fuxida que serve de pantalla ao autor para contar as atrocidades cometidas nesa cidade polos soldados imperiais, asasinatos de civís, violacións, roubos e saqueos. Mais outro dos episodios vergoñentos da humanidade, outro xenocidio. Seguir lendo

Tres miradas sobre o mundo árabe

Nas Metrópoles gústanos viaxar a través da BD, achegándonos coas viñetas a outros contextos afastados do noso entorno cotiá. Un deses destinos é a complexa realidade do mundo árabe que, xa sexa pola distancia xeográfica, os conflitos armados ou as dificultades idiomáticas moitas veces só nos chega desvirtuado a través dos medios de comunicación. Mais dende comezos deste século diversos autores e autoras comezaron a achegarnos testemuños de primeira man que vistos en perspectiva, tamén nos axudan a comprender as novas que invaden os xornais a diario.

Sen dúbida, un dos referentes é Marjane Satrapi, cuxa obra Persépolis forma parte dos nosos bd_árabe01imprescindibles. Con quince anos ás súas costas, este cómic segue mantendo a súa actualidade: a autora emprega a propia experiencia vital para falar da situación política que viviu no Irán dos anos oitenta. Dende a caída do Sha até a definitiva partida cara Francia, a narrativa de Satrapi converte a súa obra nunha boa opción para comezar a indagar nos contextos da zona.

Pero a súa traxectoria é moito máis que Persépolis: con obras coma Pollo con ciruelas —na que aborda con sensibilidade a crise existencial dun home atrapado— ou Bordados, —onde recupera personaxes entrañables como o da súa avoa para tratar nun ton desenfadado a situación da muller iraní— fálannos doutras circunstancias apartadas do impacto da guerra.

Seguir lendo

Cando o Western e a BD cabalgan xuntos

Hai certas épocas que forman parte do noso imaxinario colectivo, con escenas e protagonistas que aparecen na nosa cabeza con só escoitar unha palabra. Un deses momentos inabarcables é o século XIX norteamericano e a palabra clave, o Western. Este xénero está enraizado na nosa educación sentimental / visual –persoalmente bótolle a culpa ós planos de Ford, á música de Morricone e ó rostro de Charles Bronson—, sendo o cómic un medio que soubo captar a liberdade, o perigo e as paisaxes sometidas ás cores do deserto.

Mais as viñetas situadas neste contexto histórico falan ademais dunhas circunstancias concretas: o final dun xeito de vida nos Estados Unidos e a chegada da “civilización” (dito isto cunhas comiñas moi, moi grandes). E mentres se dan os primeiros pasos para a brutal modernización do país, nas páxinas camiñan historias que podemos analizar dende múltiples perspectivas.

A paisaxe e o (anti)heroe solitario

Se hai unha protagonista ineludible no Western, esa é a paisaxe: o seu peso na composición convértea nunha personaxe máis que vai moldeando a tódolos individuos que a atravesan. Xa sexa da man de Giraud ou Palacios, os debuxos son quen de facernos sentir a calor, o pó e a beleza dos espazos abertos ou a opresión do Canón do Antílope. Pero tamén é un mundo que agroma arredor do ferrocarril, as cárceres, os pobos mexicanos e as cidades (coa omnipresencia do saloon coma centro sobre o que pivotan boa parte das tramas, tan ben retratado polo trazo de Boucq en Bouncer).western01-Metrópoles Delirantes

Nesta particular xeografía móvense os protagonistas, que durante a primeira etapa do xénero —entre os anos trinta e cincuenta—, popularizaron múltiples cabeceiras con distinta sorte. Entre todas elas destacaron Ringo Kid, El llanero solitario (dando o salto dende un serial radiofónico) ou Two Gun Kid, cun Kirby que volvía demostrar o seu poderío visual para as escenas de acción. Case sempre eran individuos acusados falsamente dalgún delito e durante a súa fuxida aproveitaban para impartir xustiza ó seu xeito. Seguir lendo