- Título: Baños Pleamar.
- Autor: Isaac Sánchez.
- Editorial: Dolmen editorial.
- Lugar: Palma de Mallorca.
- Ano de edición: 2022.
- Número de páxinas: 224.
- Prezo: 24,90€.
Esta historia non está baseada en feitos reais. Todo o contrario, son lembranzas

Isaac Sánchez fíxose coñecido coa súa outra faceta pública, a de youtuber. Si xa sei, en principio sona mal que outro destes gurús da charlatanería dixital publique un cómic. De feito, non podemos (nin debemos) esquecer aquel lixo infecto en forma de banda deseñada que promoveu (pagou, que non creou) un dos máis populares destes telepredicadores douspuntocero. Sorprendentemente –si recoñezo o meu prexuizo– a obra de Isaac ten moita calidade e é un cómic con maiúsculas.
A historia sucede na Badalona dos años 90 cunha costa tan contaminada que na primeira liña de praia existía un peculiar tipo de negocio que consistía en locais que eran a un tempo restaurante e piscina, de xeito que os veraneantes podían tomar o sol na praia e bañarse nas piscinas destes chiringuitos. Un destes establecementos foi propiedade –e vivenda– da familia de Isaac.
Baños Pleamar está contada como unha autobiografía na que o autor relembra a súa infancia e o cotiá dunha familia de clase obreira que loitaba por sobrevivir explotando un negocio que entraba nos anos de decadencia.
O guión está ben traballado, no relato coñecemos a toda a familia e os distintos roles de cada integrante, aínda que, o gran peso da historia descansa sobre os pais, Palmira e Andrés.
Hai unha mirada complexa e pouco mistificadora sobre a nai, «unha monxa galega filla de falanxistas» con problemas de adicción ás liñas telefónicas de videncia que contrasta coa máis tenra e devocional sobre a figura do pai, un “cantaor comunista andaluz” de gran corpulencia e carácter –case– indómito.
O debuxo é espectacular, cunha gran capacidade expresiva e un estilo solto que, en xeral, é fermoso.
Esta proposta de Isaac navega entre o cinema realista do posfranquismo, a comedia berlanguiana, as historias da clase obreira de Loach e as telenovelas dos noventa. Se o prefiren en referentes da BD, Sánchez dá atopado un equilibrio entre a capacidade narrativa e a solvencia gráfica de Paco Roca e o sainete dos tebeos de Bruguera (os que lle fai unha homenaxe moi conseguida imitando, nalgún pasaxe, o debuxo destes clásicos do cómic español).
O libro tamén é unha excelente crónica duns tempos nos que había moita heroína nas rúas dos barrios obreiros, chegaba a fin do monopolio televisivo, as líñas 906, as discotecas de extrarradio e a burbulla inmobiliaria, un tempo no que, eles aínda non o sabían, todo estaba a piques de mudar na Barcelona preolímpica.