Nabiza Girl | Isabel Risco, Carlos Ares e Manel Cráneo

  • Título: Nabiza Girl.
  • Autor: Isabel Risco, Carlos Ares e Manel Cráneo.
  • Editorial: Concello da Coruña.
  • Lugar: A Coruña.
  • Ano de edición: 2023.
  • Número de páxinas: 12.
  • Prezo: De balde na web isabelrisco.eu

Superheroína rural

Nabiza Girl, é un personaxe creado pola actriz Isabel Risco, inicialmente, para o teatro. Así e todo, esta superheroína enxebre xa se transformou nun proxecto multimedia con presenza en múltiples soportes, dos escenarios saltou primeiro á internet cunha webserie e, agora, no derradeiro pinchacarneiro, chega á banda deseñada con este mini volume titulado Nabiza Girl, Operación Breogán. Esta obra, pequena en páxinas e grande en talento, foi editada polo Concello da Coruña, a través dun programa de axudas a artistas da cidade, cunha tiraxe de douscentos exemplares en papel para ser distribuído na rede de bibliotecas e nos centros de ensino de secundario da cidade, aínda que tamén ten acceso de balde a través da internet para a súa lectura online na páxina da propia actriz.

Nabiza girl é a identidade segreda de Chelo García Naveira, unha rapaza que logo de verse exposta a un exceso de sulfatos acadou superpoderes e que non acouga perante as inxustizas e os ataques á nosa cultura e que, así mesmo, está ben orgullosa do súa orixe rural.

Nesta primeira entrega en formato BD a nosa peculiar agro-heroína terá que atopar a espada de Breogán nunha historia chea de humor e aventuras; amor e acción, nunha peculiar homenaxe-parodia, chea de referencias culturais, ás aventuras dos superherois clásicos da cultura norteamericana.

A BD está guionizada pola propia Risco e por Carlos Ares, un coñecido profesional da escritura cunha longa traxectoria no noso audiovisual, ben coñecido por estaren –cos seus socios da produtora Zopilote– detrás de seriais televisivos da galega tan coñecidos como Mareas vivas, Era visto e a estupenda e tan lembrada, Air Galicia.

No apartado gráfico o sempre inquedo Manel Cráneo dálle vida e movemento nas viñetas a nosa protagonista. Cun estilo tan persoal como solvente, a medio camiño entre a canónica liña clara tintiniana e a caricaturesca da escola de Marcinelle o debuxante coruñés resolve á perfección un cómic tan divertido como visualmente atractivo, cun destacábel traballo nas cores e cheo de referencias –que serán especialmente saborosas para os locais–, o bar Sanín do Orzán, o Fiuza de Monte Alto, o Castro de Elviña, o Obelisco, a Torre de Hércules Breogán ou mesmo ás bandas Radio Océano e Os Diplomáticos.

A pesar de ser unha obra moi breve, apenas 12 páxinas, é ben interesante non só pola propia historia, senón polo que ten de novidoso, no noso sistema cultural, esta realimentación e adaptación dun personaxe a diversos formatos e tamén pola aposta institucional por apoiar á banda deseñada e ás artistas locais.

Advertisement