- Título: O lume.
- Autor: David Rubín.
- Editorial: Demo Editorial.
- Lugar: A Coruña.
- Ano de edición: 2022.
- Número de páxinas: 256.
- Prezo: 35€.
O lume nunca se apaga

Non imos descubrir a estas alturas do conto a Rubín, unha forza da natureza no humano e no artístico. Imposíbel non sucumbir á súa arte, á plasticidade dos deseños, á capacidade compositiva, á cinemática, a ese uso tan persoal e excepcional da cor. En resumo, á cultura comiqueira que condensa cada páxina.
Unha década após da publicación do Heroe, unha das mellores obras da BD feitas no estado español, o David volve a asinar unha obra como autor completo. O resultado é un cómic valente, denso, duro, excesivo, emocional e barroco. Rubín abre as carnes, saca das vísceras un guión que fala de destrución e de inxustiza, de poder e culpa, do mundo cada día máis turbo-capitalista e ultra-clasista que nos trouxo este demo da dixitalización, as megacorporacións e os macrodatos. Sen dúbida é unha obra moi persoal dun autor magnífico que está nun momento de madurez lúcida e virtuosa. É, tamén, unha obra complexa a todos os niveis na que se destapan as esencias do Rubín máis literario e intimista para construír unha distopía tan real e pesimista que queima.
A historia sitúanos no futuro, un inmenso asteroide viaxa cara a Terra e a destrución total semella inevitábel. O arquitecto, Alexander Yorba, está deseñando unha colonia lunar que asegure a supervivencia da humanidade. Na fase final do proxecto élle diagnosticada unha doenza en fase terminal; apenas lle queda de vida o mesmo tempo que ao noso planeta.
Rubín crea páxinas dunha beleza pictórica tremenda e é quen de experimentar cos elementos narrativos para tecer unha fábula dolorosamente realista, aínda sendo ciencia ficción, salpicada de referencias culturais e sen fuxir dun discurso evidentemente comprometido. Unha obra adulta, algo moi de agradecer nestes tempos de pusilánimes pechados nun garaxe hermético cheo de obras intranscendentes, que nun sector san e curado da toxicomanía mercantilista non pasarían os filtros de calidade.
Esta é unha obra de madurez, que condensa gráfica e literariamente a bagaxe adquirida por David nos diferentes libros, un alarde estilístico, un exercicio de virtuosismo gráfico, que, na miña moi subxectiva opinión, está belamente impregnado do pesimismo e, sobre todo, desa nostalxia tan fondamente fermosa e verdadeira das películas de Tarkovsky.
E non podemos esquecer que é a primeira obra de Rubín editada simultaneamente en galego e castelán, algo que o autor levaba anos demandando e que finalmente foi posíbel grazas ao esforzo conxunto de Demo editorial e varias das librerías do país. Un importante paso adiante na normalización lingüística e social da BD na nosa lingua.