- Autor: Gaëlle Geniller.
- Título: Rosa.
- Editorial: Ediciones La Cúpula.
- Lugar: Barcelona.
- Ano de edición: 2022.
- Número de páxinas: .
- Prezo: 34€.
Por todos os xardíns do mundo

A capa desta banda deseñada dá un aviso certeiro do que atóparemos nas páxinas interiores, unha marabilla gráfica dunha elegancia e beleza excepcional que desenvolve unha historia tan fermosa coma entretida.
O Xardín é un cabaré de ambiente familiar no París dos anos vinte. Rosa, o fillo da propietaria, é un rapaz criado entre boas de plumas e veludo vermello que quere bailar, que precisa expresarse e desenvolver a súa vida como artista no escenario, o que non sabe é que está a punto de converterse na sensación da noite parisina e os cambios que tal éxito traerá.
Esta BD ía ser unha curtametraxe, mais polo que for, rematou sendo este cómic. É o primeiro de Gaëlle Geniller publicado no estado español e bendito debut, sería complicado chegar a un mercado novo cunha obra máis fermosa, delicada e sensíbel.
Unha historia de superación e medos, de inseguridades e de amizade, cun guión ben armado, que avanza con paso firme e que consegue meternos de modo maxistral, non só no que conta, senón mesmo na época, na Belle époque parisina na que todo podía suceder.
Rosa ten un bo guión, certamente, mais é na parte gráfica onde é superlativo. No visual é un continuo alarde, cada deseño, cada viñeta, cada páxina é unha lección de virtuosismo, de dominio da liña e, sobre todo, da cor. Cunha paleta suave que nos transportará a ese lugar evocador, agradábel e sentimental que todas gardamos nun recuncho da nosa mente.
Esta obra é tan magnífica e luminosa que até no tratamento da diversidade e brutalmente positivista, o protagonista vive con normalidade a súa ambigüidade; cando quere viste de rapaz e cando quere de rapaza, sen máis voltas. Geniller fuxe do complexo e simplemente deixa que as cousas flúan como deberían fluír na realidade, sen máis razón que a vontade e sen máis obstáculos que os que cadaquén decida. É un libro excepcionalmente bonito.
A edición de La Cúpula é de grande calidade nun tomo voluminoso con tapa branda e un groso papel mate que realza a cor. Como única chata poremos o prezo, tal vez, demasiado alto.