Little neno descobre a David Bowie | Dani LLabrés e Jaime Pantoja

  • Título: Little Neno descobre a David Bowie.
  • Autor: Dani Llabrés e Jaime Pantoja.
  • Editorial: A Reixa Editorial.
  • Lugar: Santiago de Compostela.
  • Ano de edición: 2022.
  • Número de páxinas: 32.
  • Prezo: 15€.

Dentro do labirinto

Un ano despois da primeira incursión de A Reixa no panorama dos libros infantís publica a terceira entrega desta colección na que o pequeno cativo soñador vai descubrindo artistas senlleiros da historia da música.

Dani Llabrés e Jaime Pantoja, coa  excelente tradución ao galego de Valeria Pereiras, guían a través dos textos e os deseños ao pequeno Neno polos mundos oníricos, cambiantes e sempre fantásticos do Gran Duque Branco, do camaleónico e multifacético, David Bowie. 

Little Neno e o seu compañeiro, o oso Renato, vivirán aventuras fantásticas percorrendo as letras das cancións de Bowie, coñecerán o labirinto no que atoparán a Bowie en calquera das súas múltiples e camaleónicas encarnacións, o Jareth, rei dos goblins, o Major Tom ou Ziggy Stardust. O pequeno Neno descobre así temas tan marabillosos como Life on Mars?, Changes, Heroes ou Starman.

Amais dos entretidos textos, as ilustración están cheas de referencias culturais e históricas que nos poden servir tamén como recurso didáctico para explicar o mundo pre-globalización e pre-dixitalización ás xeración máis novas que, de seguro, non imaxinan o tedioso que era rebobinar unha casete cun bolígrafo ou ter que agardar á fin de semana para poder ver a túa serie favorita de debuxos animados. 

Esta serie de  libros son perfectos para aprender e divertirse, para repasar as cancións e as letras dos grandes temas do pop e mesmo para buscarlle novos significados. Por riba, a través das ilustracións podemos explicar os temas musicais e os universos propios de músicos e artistas á cativada da casa. Un libro moi completo que inclúe o xogo do camaleón e a playlist das cancións para acompañar a lectura.

Pode haber mellor plan para un serán de inverno que pintarse un lóstrego na face e viaxar polo espazo exterior sen saír do salón e coa banda sonora dun dos mellores creadores da historia da música pop? Eu digo, non!

Advertisement