Black is Beltza. Ainhoa |Fermín Muguruza, Harkaitz Cano e Susanna Martín

  • Título: Black is Beltza. Ainhoa.
  • Autor: Fermín Muguruza, Harkaitz Cano e Susanna Martín.
  • Editorial: DemoEditorial.
  • Lugar: A Coruña.
  • Ano de edición: 2022.
  • Número de páxinas: 128.
  • Prezo: 22€.

Non hai revolución sen cancións

Ainhoa nace en Bolivia e medra en Cuba. No 1988 comeza unha viaxe para coñecer Euskal Herria, terra do seu pai, onde coñece a Josune, unha xornalista comprometida.

Ainhoa e Josune comezan xuntas unha viaxe que as levará do Líbano a Afganistán e a cidade de Marsella. Son os derradeiro anos da Guerra Fría e ámbalas dúas descubrirán o escuro mundo das redes do narcotráfico e os estreitos vínculos destas coa política.

Esta é a segunda entrega en banda deseñada universo Black is Beltza, o proxecto transmedia impulsado por Fermín Muguruza, que non só completa senón que mellora a anterior. A historia de Manex e as súas viaxes eran interesantes, trepidantes e aditivas e as da súa filla non son menos. Desta volta a acción parte dos derradeiros anos da década dos oitenta, uns anos intensos, cos ianquis metidos en fariña, financiando á contra en Nicaragua e aos talibanes en Afganistán. Anos convulsos tamén no estado español, nos que o conflito vasco estaba no momento máis duro de violencia e represión e a heroína levaba por diante a unha xeración en Euskal Herria –e tamén na Galiza, por certo-.

O guión que asinan Muguruza e Cano (coa axuda de Isa Campo) é solvente, un thriller de acción que levará ás mozas protagonistas por medio mundo na busca de respostas persoais e profesionais. A trama está, como non podía ser doutro xeito, atravesada pola música e pola vida de Muguruza. De feito, a música case é outra protagonista máis desta historia.

A parte gráfica está a cargo de Susanna Martín que resolve moi ben toda a imaxe do libro e non oculta a evidente influencia do Corto Maltés de Pratt.. Martín atopa o seu sitios cun debuxo que se afasta do primeiro tomo, debuxado por Jorge Alderete, mais que non é radicalmente distinto. Martín opta por unha liña algo máis difusa nas contornas, no entanto, segue o mesmo esquema na cor, manexando con habelencia as sombras e luces e usando cores distintas para cada lugar que visitan as protagonistas.

Unha obra ben entretida que, sen dúbida, será máis saborosa aínda coa música como acompañante da lectura, porque como dixo Allende, sen música non hai revolución.

Advertisement