Senso | Alfred

  • Título: Senso.
  • Autor: Alfred.
  • Editorial: Ediciones Salamandra Graphic.
  • Lugar: Barcelona.
  • Ano de edición: 2022.
  • Número de páxinas: 160.
  • Prezo: 24€.

Sentir

Alfredéun autor dotado dunha especial sensibilidade e capacidade, tanto gráfica como narrativa, grazas e iso no 2014 gañou a Fauve d’Or no Festival de Angoulême con Come Prima (Salamandra Graphic). Desta volta publica Senso, un cómic poético que cun deliberado ritmo pausado que nos fai transitar polas sensacións para levarnos, con moita habilidade, até o punto emocional dos protagonistas. 

Germano, un home xa na madurez, baixa do tren na estación de destino para descubrir que todo o que podía complicarse vaise complicar. No hotel hai unha voda, fai un calor asfixiante e non paran de xurdir problemas. Porén, coñece a Elena, coa que vai tecendo unha estraña relación que comeza con encontros breves que lle punzan nos sentidos. Os dous están nun momento vital complexo e a súa será unha historia con idas e voltas até que, finalmente, a conexión total entre eles obrigaralles a tomar decisións.

A narración de Alfred é altamente adictiva, como unha bóla de neve que  vai collendo capas según avanza, co paso da páxinas adquire densidade e volume. Un traballo que, como avisa no título, ten moito de sentir, de emoción e de catarse.

O guión, moi sólido, é a base sobre a que o francés constrúe esta historia que ten moito diso que chaman «anacos da vida», non agarden aquí pirotecnia nin trucos, todo o que conta está á vista, Alfred traballa dende a honestidade e a confianza na súa capacidade como contador de historias, moi na liña de autores como Davodeau. É, logo, a solvencia na narración o que fai desta obra unha saborosa mostra de savoir faire da mellor BD francesa. O debuxo é fermoso, sen grandes e innecesarios alardes, liñas definidas e agradábeis, redondeadas, cun estilo preto do realista mais sen pretender tampouco un asoballamento nos detalles. Por sobre o resto destaca a mestría no uso da cor, xa foi así naquel premiado Come Prima no que era tan fermoso como ben usado. Neste Senso repite e dobra a aposta demostrando, máis unha vez, esa capacidade extraordinaria de captar e transmitir a luz da Italia mediterránea.

Unha banda deseñada que xa avisa dende a capa do que imos atopar, luz, calor, sensibilidade, anacos da vida de dúas persoas na encrucillada, amizade e unha historia tan fermosa e ben contada como emocional. Pura elegancia feita viñetas.

Advertisement