O voo da curuxa | Inacio e Iván Suárez

“Unha tarde no Pazo de Meirás”

No ano 1916 o cinematógrafo aínda era un invento adolescente mais o intelectual Eduardo Zamacois foi quen de convencer a distintos persoeiros, intelectuais e escritores da época para que se deixaran retratar. Na película quedaron rexistradas, a xeito de documental, escenas cotiás da vida dos protagonistas. Zamacois deixounos, deste xeito, as únicas imaxes en movemento que temos de Dona Emilia Pardo Bazán que finaría uns meses máis despois.
Esta banda deseñada está asinada por unha das parellas máis estábeis e creativas do cómic galego, Inacio e Iván Súarez. Autores xa ben coñecidos que son os responsábeis da excelente saga Castelao ou da máis recente As pombas de Carboeiro, unha BD que conta cunha banda sonora a cargo da Banda de Lalín.

Inacio é Iván crean nesta obra unha fábula que mestura feitos reais e ficción, contan o momento histórico no que Zamacois se achega até o Pazo de Meirás para rodar as escenas con Dona Emilia e van entretecendo a narración con fragmentos da obra da escritora coruñesa. (Estas imaxes pódense ver nesa coñecida rede/almacén de videos que xa saben).
No guión, Inacio é quen de armar con solvencia o crebacabezas que é mesturar os feitos históricos coa ficción. Os anos de experiencia e os libros publicados van asentando un bo pulso narrador, nótase a experiencia que vai collendo cos traballos feitos e, nesta obra, hai páxinas verdadeiramente ben construídas, con estruturas dinámicas e modernas e coas que son quen de darlle un bo ritmo para que pasemos con moita naturalidade dun espazo a outro. Sen embargo, O cambio máis evidente ven na parte gráfica. Iván dá un gran salto adiante na calidade dos seu debuxos. Refina o seu estilo, de trazo sinxelo e efectivo, e mellora moito nos fondos e detalles que enriquecen e complexizan as viñetas o que nos leva a que, con toda probabilidade, esteamos ante o mellor traballo publicado dos que lle coñecemos a Iván.
Unha banda deseñada ben interesante coa que Demo continúa a levar á formato banda deseñada a vida e obra de grandes figuras da nosa cultura, un xeito ben acaído de facer país dende a retroalimentación coa nosa historia.