Revolución. I Libertad | Grouazel e Locard

“O pobo ven de tomar a Bastilla”

É, sen dúbida, un dos acontecementos máis importantes e con máis incidencia na historia moderna de Europa –e do mundo–. Un punto de inflexión na historia de Francia e o lugar de onde parten o que hoxe coñecemos como democracias liberais occidentais.
Florent Grouazel e Younn Locard recibiron o Fauve d’Or do Festival de Angoulême 2020 por esta obra coa que abordan os feitos acontecidos o día 14 de xullo de 1789 en París. A banda deseñada hai tempo que chegou a un punto de madurez e capacidade narrativa que lle permite abordar con solvencia historias complexas cunha grande riqueza de detalles e moita fondura intelectual ademais de estética.

Durante estas primeiras 300 páxinas –será unha triloxía– narran os acontecementos daquel solleiro día no que o pobo decidiu dicir basta e revolucionarse contra o poder, primeiro do estado e, moito máis tarde, contra o rei. O libro vai engarzando as historias de varios personaxes que se entrecruzan, o que lles permite transitar arriba e abaixo a escaleira social e contar os feitos dende varios puntos de vista e distintos lugares, mesturando feitos reais con elementos ficcionados.
A obra está dividida en capítulos que contan cun pequeno texto introdutorio que nos pon en antecedentes para comprender mellor cada un dos episodios. Pasan polas páxinas desta obra nomes que coñecemos todas como Marat ou Robespierre mais tamén moitos outros descoñecidos que levan en andas unha historia que se fai realmente adictiva até o final do tomo.
Os debuxos son de gran detalle, cun estilo que xoga a facer equilibrios entre as liñas indefinidas e a concreción detallista. As viñetas nas que aparecen os grandes edificios da capital francesa son dunha beleza que asoballa, con especial mención da dobre páxina da Bastilla e tamén a homenaxe a Delacroix que os autores deixan neste tomo, cunha variación do famoso cadro A Liberdade guiando o pobo.
A cor é outro dos elementos que administran cunha precisión de ourive e que transmite con perfección o ambiente, a luz, as cores e o caos revolucionario. Nótase que hai un impresionante traballo de documentación que avala cada detalle e cada unha das viñetas.
O traballo que abordan é tan amplo e complicado e resultará nunha triloxía de arredor de 900 páxinas. Unha banda deseñada impresionante que a falla de que se publiquen os seguintes tomos xa ten, sen dúbida, a consideración de obra mestra do cómic europeo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s