As lecturas do SrB: O Tesouro de Lucio

“Ás veces a vontade dun só home pode facer tremer un imperio.”

Belatz, pseudonimo de Mikel Santos, asina con esta a primeira obra longa da súa carreira e abofé que o fai cunha obra interesante e ben resolta.

10_Lucio1O Tesouro de Lucio fai un percorrido pola vida e obra de Lucio Urtubia, revolucionario e loitador anarquista nado en Cascante (Nafarroa) no ano 1931, nunha familia republicana de humildes recursos. Na infancia, cortada polas baionetas da guerra civil, coñeceu e sofreu a dictadura represora que inzaba as gabias de mortos e fulminaba as esperanzas democráticas do pobo coa complicidade da franquía máis retrógrada, ignorante e inmisericordiosa da igrexa de Roma. A súa xuventude transcorreu nos anos duros do franquismo entre curas, falanxistas e señoritos na súa vila natal, até que marchou ao servizo militar no que foi descuberto facendo «expropiacións» do material militar. Fuxiu a Francia onde comezou unha vida de pai e traballador que compaxinou coa súa militancia e a súa loita anarquista e libertaria. Expropiou -é a expresión que el usa- bancos, distribueu propaganda, refuxiou a maquis e axudou a outros na loita anticapitalista. A presión policial e as continuas entradas e saídas da cadea non acobardaron a Lucio que dou o gran golpe da súa vida contra unha institución de vital importancia no sistema financeiro internacional da época. Lucio e os seus compañeiros deseñaron un sistema de cobro de cheques falsificados tan perfecto que o propio banco tremeu ante a importancia da acción.

Este home que agora ten 87 anos foi quen de poñer a unha corporación coma o First Nacional City Bank de xeonllos usando unha das estratexias que mellor manexan os bancos, a estafa. 

10_Lucio2Belatz, pseudonimo de Mikel Santos, debuta con esta obra de aventuras que depara uns bos intres de entretemento e lectura. O guión, como é lóxico, está baseado na vida do vello ácrata mais o autor sabe dotalo de ritmo e de momentos de acción e suspense usando as analepsis para alternar o pasado de acción e militancia coa actual vellez de tranquilidade e reflexión de Lucio. O debuxo bebe directamente das fontes da BD francobelga máis clásica, ollo que iso non quere dicir que sexa anticuado ou demodé, de feito conecta con autores tan apaixoantes e exitosos da actualidade coma Paco Roca. Belatz traballa as viñetas co agarimo que a historia merece e o seu estilo de liña clara moderna é ben acaido para unha novela gráfica de aventuras, coma é o caso. Un debuxo moi agradabel e axeitado que complementa un bo uso da cor e un manexo hábil da iluminación nos cadriños.

10_Lucio3Non agardemos unha obra panfletaria e propagandística mais tampouco unha obra chaira e sen compromiso. Belatz equilibra, con primor, a carga ideolóxica que destila Urtubia coa historia e o entretemento. O pensamento anarquista de Lucio sobrevoa a obra e Belatz, claramente, opta por amosalo sen complexos, dotando a esta novela gráfica dunha segunda capa de lectura na que hai discurso político e contido para a reflexión, por outra banda tan necesarios, ambos, discurso e reflexión, nun estado que non é quen de recoñecer dunha vez sen ambigüidades o valor dos represaliados e represaliadas e dunha república democratica cercenada por militares xenocidas.  

Non quero rematar sen parabenizar a iniciativa de Demo editorial, Tigre de paper (Catalunya), e Txalaparta (Euskal Herria) que apostan polas culturas propias e buscan novos xeitos de publicar BD, desta volta un acordo comercial que permite que esta obra chegue a tódolas linguas oficiais do estado con calidade e prezo razoábel.

Esta recensión foi publicada en outubro de 2018 na revista Tempos.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s