As lecturas do SrB: !Salud!

09_salud“…pola túa vida, non fales nunca de política…”

Antoine e Iria, un matrimonio formado por un francés e unha coruñesa deciden asentarse na cidade de cristal e abren un restaurante coa axuda da acomodada familia dela, ben relacionada. A ambición, o exotismo e a finura presuposta a alguén chegado das afastadas terras de Victor Hugo e Astérix no tempo da autarquía tardo-franquista aseguran o éxito do restaurante que comeza a funcionar a toda máquina. Antoine sen embargo axiña descobre a violencia do réxime, tanto a explicita, dunha policía que reprime con brutalidade, coma a menos evidente, a do control social. A este contexto de violencia e falla de democracia hai que sumarlle a querenza de Antoine, como ben anticipa o título, polo alcol. O resultado deste cóctel levarao a el, e porén a Iría, a unha situación límite.

Esta historia baseada en feitos reais e contada en flashback percorre os camiños do éxito fulgurante e do fracaso máis fulgurante aínda. O alcol e a violencia impregnan as vidas dos protagonistas. A sociedade pechada e claustrofóbica, de control absoluto e vixilancia paroxista que o franquismo establece afogan a un anárquico e anarquista Antoine que refuxiado no alcol convertese nun ser descontrolado que transmite pola vía heteropatriarcal a violencia exercida polo réxime ao elo máis feble da cadea, a muller.

09_salud_1É ben destacábel o traballo de Nadar -pseudónimo do Castellonense Pep Domingo- nos lapis e nos pinceis. Un debuxo solto, de contornas definidas polo xogo entre a tinta e a masa de cor, cun uso peculiar do entintado, que non define só por acción senón tamén por omisión. Isto sumado a un xeito peculiar de colorear no que se intercambian os papeis tradicionais entre tinta e cor, fan un xogo ben suxestivo. Na paleta cromática predominan o vermello e o azul. Na primeira metade do libro o peso destas cores está equilibrado, o que cambia na segunda ao ir desaparecendo o vermello. Un xeito interesante -e ben acertado- de acompañar o desenvolvemento da historia dende a cor. O estilo que Nadar desprega nesta obra, que é moi dinámico e vivo, é tamén un gran paso adiante, formal e tecnicamente, a respecto da súa anterior obra, El mundo a sus pies.

O guión, en troques, da a sensación de que pasa por todo e non afonda en nada. A historia de Iria e Antoine semella ser só a escusa para falar da época e da sociedade española no fin do Franquismo deixando unha sensación de tipismo e estereotipo pouco 09_salud_2estimulante. Aínda tendo en conta que é unha obra concibida para o mercado Francés e que como é lóxico alí as superficialidades do guión fanse menos evidentes, o descoñecemento no só da sociedade galega senón tamén daqueles anos de chumbo, silencio e clandestinidade, lastra a parte literaria da obra.

Unha lectura agradábel e con puntos a favor coma o traballo de Nadar, non só na parte gráfica senón tamén na documentación, que eleva a media do conxunto e salva honrosamente as eivas que amosa o guión. O seu prezo contido(19€)tamén xoga a favor.

Por último sinalar o estupor e a carraxe que produce a falta de respecto e seriedade no uso do noso idioma nas editoriais españolas. Neste caso Astiberri e recentemente Norma Editorial con Carvalho:Tatuaje. Topónimos deturpados e galego acastrapado ou directamente inventado sorprende, aínda que por desgraza é unha constante que algo tan evidente e doado de arranxar pase continuamente a supervisión de editores importantes.

Esta recensión foi publicada en setembro de 2018 na revista Tempos.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s