O Día da Ilustración celébrarase o vindeiro 30 de xaneiro, coincidindo aniversario do nacemento de Castelao. Ademais de lembrar e reivindicar o papel dos profesionais da ilustración na industria cultural, cada ano é homenaxeado un ilustrador histórico galego.
Neste ano o protagonista é o vigués Federico Ribas, grande innovador da publicidade, moi célebre no seu momento coas súas ilustracións para a empresa perfumeira Gal e para a conserveira Massó. Como parte da homenaxe, realizouse un pequeno vídeo de dous minutos cunha ollada á súa vida e obra. Ademais, a Biblioteca e Arquivo de Galicia inaugura hoxe unha mostra, titulada «Federico Ribas: As liñas da beleza», con obras, publicacións e outros documentos do ilustrador, que poderá visitarse até o 7 de marzo na sala de exposicións da biblioteca, no complexo do monte Gaiás.
O día 30, na Sede de Afundación en Santiago de Compostela exporase un orixinal de Federico Ribas,reproducirase o vídeo sobre Ribas do Día da Ilustración e haberá un mural realizado pola ilustradora Bea Lema o día 28 de xaneiro.
A inauguración da xornada será ás 12:00. Ás 19:00, o ilustrador e estudoso Siro (Siro López) pronunciará unha breve conferencia co título «Federico Ribas Montenegro». Ás 20:00 haberá unha charla e unha mesa redonda sobre ilustración, baixo o título de «O oficio de ilustrar: o que está por vir» con Anabel Colazo, Andrés Magán e Carlos Arrojo, moderados por Bea Lema.
Asemade o Club de Prensa de Ferrol organiza, na Biblioteca Municipal desa cidade unha charla e proxeccións sobre ilustración e o ilustrador Leandro Lamas conversará coa xornalista Puri Rodríguez Calvo sobre o creativo publicitario e sobre a importancia da ilustración. Será tamén o 30 de xaneiro, ás 20:00, con entrada libre.