As lecturas do SrB: Mi novio caballo

“Punk, puro punk.”

Capa_novio caballoXiomara Correa é unha autora asidua nos eventos de autoedición, porén Mi novio caballo leva anos circulando por estes en forma de fanzine. Aínda que sempre foi un deses tebeos de culto, as editoriais xeneralistas, temerosas elas de todo o que non sexa Tintín, aínda non se atreveran a dar o paso; por iso a decisión de Reservoir Books é das que hai que celebrar con profusión de sustancias, legais ou ilegais.

Coma ben anuncia o título, Xiomara cóntanos a historia de amor dunha parella formada por humana e equino. Nun universo totalmente psicodélico e colorido, Chavala e Caballo loitan a diario por alimentar o seu amor, coma calquera parella. Unha vez superado e normalizado o shock inicial da proposta, dá nunha lectura certamente divertida. Unha obra tola, rebosante de ledicia naif e de historias que conectan perfectamente co surrealismo daliniano que, de seguro, estaría encantado de tomar un té con pastas con Xiomara acompañados dun par de osos formigueiros.O debuxo da viguesa é consecuente con esta posición punk na temática. Sinxelo, colorista, inxenuo e mesmo tosco as veces, transita entre a liña clara de Hergé, o Mariscal de Cobi e o Nazario de Anarcoma. A potencia narrativa de Correa non está no debuxo, dacordo. É o guión a súa arma de provocación masiva o que fai desta unha obra saborosa, valente e con vocación irreverente. Unha obra que se le dun tirón e que sen dúbida fará asomar gargalladas sempre que se lea coma o que é, unha banda deseñada divertida e sen complexos, sen atención á heteronorma e sobre todo provocadora e entretida a moreas.

Pax_novio caballo

Xiomara é directa coma un uppercut nunha liorta de sábado noite na Chanteclair. Non hai censura na temática nin na linguaxe; sexo, drogas e rock and roll ao máis puro estilo suxo, protestón e perfectamente acicalado polo marketing dos Sex Pistols. Non será difícil que aos lectores máis iniciados lles veña á cabeza a obra de Simón Haselman, Julie Doucet, Álvarez Rabo ou a nosa compatriota Roberta Vázquez. Todos nunha liña humorístico-caústica e irreverente. Para desgraza de Xiomara estas cousas xa non escandalizan, non abrira os informativos de telecinco con epítetos de Piqueras tan axeitados coma apocalíptico, inaudito e outros polo estilo. Unha mágoa. Non haberá secuestro xudicial da edición. Vivimos tempos tan estraños que até a téxtil de Arteixo fixo negocio do holocausto xudeu. 

Mi novio caballo é unha patada no ceo da boca na absurda corrección política imperante na hipócrita sociedade postindustrial europea. Xiomara desprega un opúsculo punk non apto para mentes estreitas, retrógradas e carentes de armazón cultural e por tanto de sentido do humor. É un libro que de seguro ofendería tan fortemente a Feixoo, Rivera, Salvini e Trump coma a Blanco Valdés, Caneiro ou Fernández Latorre e demais culimaña de «elites ultras douspuntocero» que para a nosa desgraza deciden o futuro das nosas vidas.

Esta recensión foi publicada en agosto de 2018 na revista Tempos.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s