As lecturas do SrB: Arde Cuba

“Hasta la victoria… Siempre!”

Arde Cuba é a segunda novela gráfica de Agustín Ferrer Casas que recunca coa editora valenciana Grafito, coa que xa editara a interesante Cazador de sonrisas. Nesta obra a acción situase en plena revolución Cubana, cando un Errol Flynn xa en clara decadencia física e arruinado, decide viaxar até a illa para entrevistar a Fidel. Acompáñao, máis ou menos enganado, o fotógrafo Frank Spellman, que ao fin será o verdadeiro protagonista da historia. A través das vicisitudes e aventuras deste dúo na Cuba revolucionaria, onde a CIA, a Mafia e os barbudos de Fidel e o Che se mesturan e entrecruzan o autor fai un retrato do que puido ser aquel momento histórico nos estertores do réxime do ditador Batista no que eran moitos os actores que tomaban posición política e estratéxica nun mundo en rápido cambio.  

A historia está inspirada en feitos reais (Flynn fixo realmente a entrevista) e a partir destes Ferrer Casas inventa unha historia que xoga a mesturar a realidade e a ficción, mesmo relata un final aberto protagonizado por Camilo Cienfuegos.

Aventura con espías, intrigas xeopolíticas e presións de grandes empresas. Neste cómic o ritmo é trepidante. A trama divídese en dúas partes ben diferenciadas; a primeira na Habana, con mafiosos, axentes da CIA, policías de Batista e mesmo algún gánster local e os protagonistas alternando con Hemingway mentres agardan a autorización para coñecer a Fidel. A segunda, xa na serra cos guerrilleiros, centrada no aspecto bélico da revolución e no personaxe de Cienfuegos.

Ferrer Casas manexa un estilo moi agradábel, de liña clara moi traballada. Moi ao gusto francobelga, recorda nalgunhas viñetas a Leo (Aldebarán) e mesmo ao noso Fran Jaraba, autor dunha marabillosa triloxía sobre a primeira revolución cubana contra o colonialismo español (Campos de Cuba). Tanto o debuxo coma a cor son excelentes, moi destacábeis os planos xerais nos que retrata a Habana. Hai que destacar que a ambientación é perfecta, mesmo a luz da cidade parece querer saír das páxinas. O guión mantén enganchado ao lector coas doses axeitadas de diálogo e acción e cunha narración áxil. O libro inclúe unha sección de extras que axuda a contextualizar a historia e aos personaxes.

A edición de Grafito é moi boa, ben coidada na feitura do libro cun bo papel e axeitada impresión e é moi de agradecer un prezo certamente contido para o que se estila nestes tempos.

Esta recensión foi publicada en xullo de 2018 na revista Tempos.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s