As lecturas do SrB: Alternativo

“BD alternativa para calquera idade.”

Alternativo1Nun sistema literario tan feble coma o da banda deseñada galega sempre é unha boa nova o nacemento dunha editora. Aínda máis se esta se atreve a abrir o seu catálogo cunha banda deseñada especial tanto no contido coma no formato. Este é o caso de Alter-nativo, unha BD experimental de Jorge Campos. Digo experimental porque xunta dúas características pouco comúns: non ten texto e ten un formato pouco usual, máis que páxinas o que ten é unha moi longa, de seis metros con vinte e cinco centímetros. Un formato curioso que xa foi usado por autores tan coñecidos como Joe Sacco, que hai cinco anos publicaba The Great War: July 1, 1916: The First Day of the Battle of the Somme, que chegaba aos sete metros de papel.

Jorge Campos, arquitecto de profesión e gañador en tres ocasións do certame de banda deseñada de Cangas atrévese para a súa primeira obra longa coa historia dun naufrago e 06_Alternativo2os avatares que lle suceden «nunha illa misteriosa na que ocorren cousas extraordinarias». Con esta sinxela premisa comenza un camiño de ida e volta por catro metros de banda deseñada. De feito, non é só un camiño, son varios; outra particularidade desta interesante obra é que a narración pode seguir distintas liñas en determinados momentos, así que ten diferentes vieiros de lectura. 

Esta fábula alter-nativa desenvólvese cun debuxo sinxelo, que non simple. A composición das páxinas, necesariamente apaisada, é lineal cunha páxina concibida nun estilo limpo que fai a lectura moi amena e doada de seguir para lectores de calquera idade. Nos deseños, Jorge practica un estilo moi agradábel visualmente, limpo, moi influído pola liña clara. A cor é espectacular, cores planas que están perfectamente conxuntadas nunha paleta que se podería definir coma tropical.

06_Alternativo3Aínda que non foi pensado como libro infantil-xuvenil, non se pode obviar que é unha obra excelente para que estes lectores e lectoras máis cativos da casa se afagan á banda deseñada e a distintas maneiras de narrar e ler. 

A edición é de boa calidade, con papel bo e tapa dura, en formato acordeón, o que conleva unha dificultade engadida na fabricación, aínda que moi ben resolta, aquí nótase a mán delicada e imprescindíbel na BD do País de Miguel Robledo como director de arte desta editora. A única falla que se lle pode por a este libro que o prezo (29,90€) semella un pouco elevado até para o que se estila nestes tempos de burbulla editorial, aínda que se pagan con gusto sabendo que serve para defender a nosa cultura fronte aos moitos produtos da industria hexemónica dos talibáns da forza que non só superan ese prezo senón que traen un plus de prácticas abusivas contra a cultura propia.

Esta recensión foi publicada en xuño de 2018 na revista Tempos.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s