As lecturas do SrB: BDG70. A revolta do cómic galego

“Memoria gráfica da nosa Banda deseñada”

BDG70-metropoles-delirantes1Fai un par de anos, Xulio Carballo Dopico lía a súa exquisita tese doutoral, o traballo máis completo que existe sobre as orixes da banda deseñada galega aló polos anos setenta do século vinte. Un volume extenso, máis de seiscentas páxinas, que debullan polo miúdo parte da nosa historia. Reimundo Patiño, “Chichi” Campos, Xosé Díaz ou Xaquín Marín foron parte das figuras chave do amencer da nosa BD, as que Xulio reivindicaba co seu ímprobo traballo de investigación. Froito daquela tese naceu o proxecto expositivo BDG70. A revolta do cómic galego que foi inaugurado a finais de 2016 na sala Normal da Universidade da Coruña co gallo da conmemoración do aniversario da exposición de banda deseñada que no ano 1973 houbo nese mesmo espazo.

Este volume recolle os traballos que foron parte daqueles primeiros tempos da BD galega, que tivo que nacer necesariamente reivindicativa e popular, cunha fonda carga intelectual e usando un medio, a BD; e un idioma, o Galego; desprezados pola cultura máis elitista. Daquela, coma hoxe, a presión sobre a nosa terra, a nosa cultura e a nosa lingua era forte. A banda deseñada foi o vehículo perfecto para un grupo de artistas que precisaban xeitos novos de expresión, unha linguaxe nova para novas voces. Un movemento reivindicativo e valente nun momento arriscado. Aquela primeira exposición mesmo sufriu o ataque violento dun grupo da ultradereita.

BDG70-metropoles-delirantes2Percorremos a nosa historia gráfica por obras fermosas, de grande valor, dende o máis tradicional dos cantares de cego de Isaac Díaz Pardo, que poderiamos considerar un precedente da banda deseñada; a reivindicativa e vangardista BD mural de Reimundo Patiño, O home que falaba vegliota. O Emigrante dun sincrético Xaquín Marín ou un incipiente e picassiano Pepe Barro, entre outros moitos. Tamén hai espazo para as primeiras publicacións, revistas (Vagalume chegou a ter máis de 5000 subscritores), suplementos de prensa, ou fanzines como Xofre no que coincidiron uns noviños Fran Jaraba e Miguelanxo Prado.

É curioso que a Ciencia ficción fora un dos xéneros preferidos desta etapa, a través dela os artistas denunciaban a situación social, as eivas e padecementos do noso pobo e burlanban a censura. Os temas son recorrentes: a fame, a emigración, a lingua, a falla de liberdades.

Este catalogo recolle as pranchas que se puideron ver na exposición, moitas delas inéditas para as xeracións máis novas, así como documentos da época, correspondencia entre os autores e fotografías que axudan a entender o contexto daquel tempo. Tamén hai textos dalgúns dos protagonistas, Xaquín Marín, Pepe Barro, Xosé Díaz, Antón Patiño, Pablo Oitabén, Fran Jaraba e Pepe Carreiro.

BDG70-metropoles-delirantes3Este BDG70 é imprescindíbel para calquera amante da banda deseñada. Magnificamente executado pola división cultural de Demo Editorial e editado con primor pola Universidade da Coruña. Unha xoia que cataloga e fai visíbel as obras dun grupo de pioneiros da nosa cultura e da banda deseñada aos que lle debemos moito do que agora é. O valor cultural e histórico deste traballo é de gran importancia e temos a obriga de agradecer a iniciativa da Universidade da Coruña, Xulio Carballo, Manel Cráneo e os seus colaboradores, así como louvar a excelente calidade tanto da exposición coma deste catálogo.

 

Esta recensión foi publicada en maio de 2018 na revista Tempos.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s