Oliver Añón gaña o XIII Premio Castelao de Banda Deseñada

premio-castelao_2018-metropoles-delirantesO gañador desta edición do Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña é o ilustrador e animador Oliver Añón Lema, (Barcelona, 1982) coa obra Canción para afundir flores no mar. O Premio Castelao de BD está dotado cun galardón de 6.500 € e a publicación da obra gañadora.

O xurado valorou que a obra gañadora é “graficamente impecable, moi ben debuxada, coherente, con bo uso do branco e negro”. Destaca tamén a capacidade do autor de aproveitar “as posibilidades do medio a través da narración visual”.

A obra está construída sobre unha trama principal na que se entrelazan pequenas historias con personaxes particulares deixando ver un relato con presenza autobiográfica. 

Oliver Añón naceu en Barcelona en 1982 onde estaba a súa familia emigrada, e regresou con só un ano á Coruña. Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo e doutorado no programa “Tempos e lugares da arte Contemporánea” pola Universidade de Barcelona, comezou a traballar na capital catalá para produtoras e axencias, desenvolvendo nelas proxectos e realizando traballos de ilustración, deseño de personaxes e animación para publicidade e televisión. No ano 2015 regresou á Coruña onde fundou estudo propio desde o que traballa actualmente como freelance para proxectos comerciais e outras colaboracións profesionais.

Por outra banda, na modalidade Lix, obras dirixidas dun xeito específico ao público infantil e xuvenil, o xurado estimou que os traballos presentados nesta edición 2018 do Premio Castelao non acadaban a calidade suficiente para un premio desta categoría e traxectoria, deixando deserta a súa concesión.

Advertisements