O venres e o sábado unha nova edición do Autobán reunirá a medio cento de creadoras e creadores que porán á venda as súas novidades no encontro. Ademais gozaremos de palestras, presentacións, edicións exclusivas, mostras e o célebre Combate de Debuxantes.
Esta festa da autoedición que se celebra na Coruña é xa un punto de referencia e unha cita inescusable para os amantes dos fanzines, do cómic independente e das novas xeracións de creadores e creadoras. Este ano asistirán nomes habituais no panorama galego, tanto mozos como sinaturas consagradas, e proxectos autoeditados chegados desde Madrid, Barcelona, Castela e Levante.
O Autobán 2018 celebrase o venres 10 e o sábado 11 de agosto, o primeiro día na Nave 1839, na coruñesa estación de ferrocarrís de San Cristovo e o sábado en varios locais da céntrica rúa do Orzán. As actividades son de todas de balde.
Programa
Venres 10
- Lugar: Nave 1839
- Como chegar: http://nave1839.org/gl/como-chegar/
- Horario: 17:30 – 23:00 aprox.
17:30 – Brilé Brutal
Xogo ao aire libre e moitos risos como benvida a todos e todas. Un clásico no Autobán.
18:30 – As exposicións do FKM 2018
Presentación das exposicións do Festival de Cine Fantástica da Coruña, de David Rubín e Gairah Love.
19:30 – Autobombo
Micropresentacións multimedia de 25 proxectos participantes neste Autobán.
21:30 – Combate de debuxantes
Oito deseñadores improvisan debuxos en roldas sucesivas, votadas polo público até dar un vencedor. Clímax da xornada ateigado de concorrencia.
Sábado 12
- Onde: Locais da rúa do Orzán: La Maleta + Ledicia + Bar 13
- Como chegar: http://bit.ly/2uVgyzV
- Horario: 12:30-21:30 + festa posterior desde a 1AM
12:30 a 21:30 – Feira de fanzines
Nove horas continuadas de venda das publicacións editadas para a ocasión polas pequenas editoriais e creadores participantes.
Farase simultaneamente en dous locais da rúa Orzán: La Maleta (nº 170) e Ledicia (nº 178).
18:00 – Minibán
No café Ledicia
Actividade infantil: obradoiro impartido por Diego Burdío no que os pequenos aprenderán a crear personaxes divertidas e orixinais para que protagonicen os seus propios cómics.
A partir dos 4 anos, prazas limitadas.
18:00 – “Galicia Caníbal: Eventos de viñetas bravús. Encontro dos festivais de autoedición galegos”
No Bar La Maleta
A escena da banda deseñada independente en Galicia goza dunha saúde envexable, cun sólido calendario de eventos autoxestionados nas principais cidades. Reunimos a representantes destes festivais de fanzine para pór en común o que os une e o que os separa, falar de estratexias e sinerxías, e mesmo buscar formas de apoio mutuo.
Participan María Álvarez (Autobán, A Coruña), Manu Barreiro (FunFunFun, Santiago de Compostela), Óscar Raña (No Tengo Mamá, Vigo), Euler (AU/OU, Ourense); Modera David Calviño
19:30 – ” Brais is Back!: Os vellos fanzineiros nunca morren”
No Bar La Maleta
Brais Rodríguez foi un dos debuxantes máis activos de Polaqia, pero coa disolución do colectivo no canto de profesionalizarse foi abandonando aos poucos o mundo dos cómics… ata que nos últimos anos rexurdiu autoeditándose obras tan interesantes como La gente del perro ou Sombra. Isabel Vila conversará con el sobre a súa resurrección artística e como se atopa neste novo mundo.
20:00 – “Sálvame BD: Revista de actualidade sobre banda deseñada”
No Bar La Maleta
2018 foi un ano frenético dentro do mundo da historieta: as autoras por fin consquistaron Barcelona, Krazy Kat entrou na Reina Sofía, regresou Bruguera e David Rubín foi nomeado a 4 premios Eisner… Coa nosa revista de actualidade tentaremos facer unha divertida análise de todas as cuestións comiqueiras que foron xurdindo ao longo do ano, para o que contamos cun grupo de autoras e lectores que intercambiarán opinións. Ademais esperamos a intervención constante por parte do público.
Participan Camila Viéitez (debuxante), Ghanito (blogueiro), Pepa Prieto Puy (debuxante), Xosé Antón Vilaverde (libreiro); modera Óscar Iglesias
21:30 – Pecha a feira de fanzines
01:00 – Comeza a gran festa de despedida no Bar 13 (rúa do Orzán nº 115).