As lecturas do SrB: La levedad

“Stendhal contra o estrés postraumático.”

O 7 de xaneiro de 2015 ás 11 da mañá dous homes armados con kalashnikov entraron disparando na sede parisina do semanario Charlie Hebdo. Mataron a unha ducia de persoas e feriron a catro. Catherine Meurisse tiña que estar alí, mais o seu espertador non funcionou, quedar durmida salvoulle a vida. A autora quedou, como é lóxico, en estado de shock, os seus compañeiros e os últimos dez anos da súa vida esvaeceron polos buracos que deixaron as balas naquela redacción.

Anos despois publica este cómic co que gañou o Prix Wolinski de la BD du Point 2016, no que conta como foi todo aquel proceso, os seus pensamentos, as dúbidas e as inseguridades que a asaltaron. Os cambios que tivo que asumir aínda sen querelos, como vivir con escolta permanente, mais sobre todo, o esforzo mental ao que se veu sometida para superar a masacre daquel día e ser quen de comezar de novo.

Esta banda deseñada ten dúas partes, na primeira conta o sucedido aquela mañá e nos días posteriores, a baixada aos infernos da dor, o bloqueo da mente como medida de autodefensa do corpo, a busca de respostas. Os procesos mentais e psicolóxicos polos que pasa ela como vítima, como a masacre afecta á sociedade. A hipocrisía que habita en certa solidariedade condicional e politicamente correcta. Tamén como é a reacción desta masa impersoal e pesada que non é unha suma de individuos, senón que é unha agregación de comportamentos simbólicos. Na segunda, conta o lento e duro proceso de recuperación e asimilación que a levou até Roma, a tratar de curar o seu trauma a base de beleza.

Esta obra está debuxada cun trazo moi sinxelo, case esquemático, aínda que hai páxinas moi traballadas, sobre todo nas que saen pinturas, esculturas ou edificios. Un debuxo sinxelo, mais cun uso da cor complexo e expresivo, que recorda aos ceos de Munch. A cor subliña estados, momentos, pensamentos, detalles. Un uso maxistral que nos leva da man pola nebulosa na que se ve inmersa Catherine. Nun estilo que mestura a reflexión existencial co humor cáustico, evidentemente tipo Charlie Hebdo, percorremos as etapas do camiño da depresión e da disociación que ven aparellada ao síndrome de estrés postraumático.

Un libro excelente que reproduce a dor dun xeito que impresiona pola contención e a análise. De seguro a mellor homenaxe posíbel a aqueles que asasinaron por exercer a liberdade de expresión contra os apóstolos da salvación a hostias.

Podes mercalo aquí

Esta recensión foi publicada en abril de 2018 na revista Tempos.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s