As lecturas do Sr B: Muuh No prado das vacas

Aquí en español.

Muuh1-Metropoles delirantesHoubo un tempo no que Galicia foi o país do millón de vacas, e si non foi na realidade si foi naquel magnífico libro de Manuel Rivas. É ineludíbel a relación de Galiza coas vacas, co campo, coa natureza e coas “forzas telúricas”, por iso esta banda deseñada que nos trae unha pequena editora, Figurando Recuerdos Edicións, parece feita pola man dun galego, aínda que detrás do seudónimo Troubs agochase o francés Jean-Marc Troubet.

Neste libro non hai unha historia definida de estrutura clásica ordenada en tres actos, non, máis ben o que hai é dúas narrativas ben diferenciadas. A do personaxe humano que (moi probablemente) é o propio autor, unha parte que ten máis de libro ilustrado que de bd, retratos de vacas mesturados coas reflexións e elucubracións sobre os animais. Esta parte, máis realista e máis pictórica, entra en dialogo coa parte na que as vacas cobran conciencia de si mesmas, a parte de cómic máis ao uso, na que o autor caricaturiza aos animais para mostralos afables, bondadosos e mesmo “ben mantidos”. Esta parte do libro é a máis surrealista, cunha humanización das propias vacas que percorren as lindes da reflexión ecoloxista e que mesmo filosofan sobre as enerxías.Muuh2-Metropoles delirantes

A parte gráfica deste libro tamén diferencia as dúas narrativas, e si ben nos pode descolocar no principio da lectura, paseniño vai facendo reacción química e pasa dunha disolución nas primeiras páxinas, a unha mestura homoxénea no final do libro. Aínda que nunha primeira lectura este libro pode parecer un sinxelo exercicio de estilo, un divertimento ou mesmo un experimento, é un libro que precisa que repousemos a súa lectura, e ao cabo dun par de días, releamos. Coma os viños bos, co repouso veñen á mente as notas salvaxes e frescas da natureza e a vida rural, enriquecendo a experiencia lectora.

Muuh3-Metropoles delirantesUn cómic no que as protagonistas son as vacas e o secundario é o humano. O libro mestura as reflexións e ilustracións do home coa parte de narrativa secuencial pura ou clásica na forma, na que os animais levan o peso fundamental, vacas por certo, cunha capacidade surrealista tal, que ben poderían asinar sen desmerecer un artigo de Caneiro, xa que coma este viven nunha realidade inexistente.

Merece unha mención o esforzo da humilde editora Figurando Recuerdos Edicións que con gran valentía atreveuse a editar en galego esta pequena xoia da bd. E tamén o excelente traballo na tradución que foi supervisada por Carlos Callón o que xa é unha garantía de integridade e respecto pola lingua.

Esta recensión foi publicada en xuño de 2016 na revista Tempos.

Unha opinión sobre “As lecturas do Sr B: Muuh No prado das vacas

  1. Pingback: A BD como espazo , 5 exemplos | Metrópoles Delirantes

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s